Miguel Santalices, presidente do Parlamento da Galiza

Miguel Santalices: "Hoxe o debate é moito máis directo e máis claro, sen barroquismo"

O 19 de decembro de 1981 constituíase no pazo de Xelmírez o Parlamento da Galiza. Este domingo conmemórase o 40 aniversario cunha sesión solemne na que tomarán a palabra os tres grupos parlamentarios, o xefe do Executivo e o presidente do Lexislativo, Miguel Santalices (Bande, 1955), co que conversamos.
Miguel Santalices, durante a entrevista, que decorreu onte no seu despacho do Parlamento. (Foto: Arxina)
photo_camera Miguel Santalices, durante a entrevista, que decorreu onte no seu despacho do Parlamento. (Foto: Arxina)

Que destacaría do período inicial do Parlamento?

Da fase inicial, destaco a ilusión, a tenacidade, a capacidade de consenso e a xenerosidade dos que formaban a Comisión do Estatuto dos Dezaseis, pois, con ideoloxías moi distantes, fixeron o traballo para aprobar un Estatuto de Autonomía que, xunto á Constitución, ía garantir que puidésemos ter Parlamento. Significou un progreso moi importante, só hai que botar unha ollada para atrás para ver como estabamos e como estamos. Da fase actual destaco a gran capacidade de traballo. Somos o Parlamento que máis horas de debate ten, no contexto do Estado español, e somos quen de chegar a acordos. Tamén saliento o ton dos debates. Non teño que esforzarme para chamar á orde ou reconducilos. Destaco, por riba de todo, un tema desgrazadamente de actualidade, o machismo, a violencia machista, ao redor do cal hai debates moi profundos no Parlamento. Son tres magníficas deputadas, con carácter, que debaten cada unha desde as súa posición, pero sempre deixan oco para transaccionar as propostas e chegar a un acordo. É un exemplo o que nos transmiten estas tres deputadas, que son Olalla Rodil (BNG), Noa Díaz (PSOE) e Paula Prado (PP).

Un dos episodios máis polémicos dos primeiros anos foi a expulsión dos deputados do BNPG-PSG en 1982. Prevé a institución algún acto de reparación aos deputados nacionalistas privados naquela altura dos seus dereitos parlamentarios?

Aí creo que se fixo todo en base a unha normativa e resolucións xudiciais que había naquel momento. Aquí hai unha norma que é coñecida por todos, un deputado logra a condición plena cando xura, acata ou promete a Constitución e o Estatuto. Naquel momento, todo é consecuencia de non producirse esa situación. 

De maneira excepcional, aplicárase con carácter retroactivo unha norma que obrigaba a xurar a Constitución. 

Desde o punto de vista legal, o presidente do Parlamento está obrigado, por riba de todo, a cumprir e facer cumprir as normas. Cónstame, e así está publicado, que foi unha decisión moi dolorosa para o entón presidente do Parlamento, Antonio Rosón. Ademais, calquera decisión, tamén as deste tipo, caducan co remate da Lexislatura. Polo tanto, desde o punto de vista xurídico non hai reconsideración posíbel.

Desde o punto de vista persoal, e sen compartir a súa actitude naquel momento, todo o meu aprecio para esas tres persoas. De feito, co paso do tempo, tiven unha grande amizade cun deles, con Bautista Álvarez.

En catro décadas o Parlamento cambiou moito, e non só de sede física, cales son as diferenzas máis destacadas entre o período inicial ou actual?

Cambiou moito no marco físico e no do debate. Antes había unha forma de debater máis barroca, adornábase máis e iso xeraba diálogos e predisposición a chegar a acordos. Hoxe o debate é moito máis directo, máis claro, sen ese barroquismo. Temos unha porcentaxe de acordos mellorábel, pero destacábel e, en canto á cordialidade, segue manténdose ese nivel.

Os grupos parlamentarios din que a Cámara debe ser o centro da vida política do país. Pensa que está a cumprir esa función? 

Penso que debería selo máis. O Parlamento empeza a ser bastante coñecido, pero aínda non o suficiente. Hai persoas que o confunden con Xunta. Debemos facer partícipe a xente e que poida implicarse no que estamos a lexislar. Temos un mecanismo de participación que é o de "Lexisla con nós", que permite facer achegas a un texto que se estea tramitando. Na medida en que isto creza, o Parlamento será máis núcleo central da participación política. Temos que seguir na liña de abrilo e facer que calle a idea de que pode haber Gobernos sen democracia, mais non democracia sen Parlamento.

962.008 galegas e galegos non naceran cando o Parlamento botou a andar en 1981. Pasou tempo suficiente para afrontar a reforma do Estatuto?

Xa houbo un intento de reforma que non prosperou, pero esa reforma debe ser sempre coa vontade dos grupos. Vense debatendo no hemiciclo. Ten que haber un grande acordo dos grupos. Se partimos dunhas posturas nas que sabemos que non imos chegar a un acordo, de nada vale. É mellor explorar as posibilidades de todos os grupos e, unha vez que se vexa que hai unha posibilidade de chegar a un acordo, ir cara adiante.

Facía alusión aos acordos dos grupos nestas décadas. Con cal quedaría?

Vou tirar para o meu ámbito [é médico]. Quedo co acordo que permitiu aprobar a Lei de dignidade no proceso final de vida dos enfermos terminais. Eu era poñente desa lei e téñolle moito cariño. Entrou da man do PSOE e era unha copia da lei andaluza. Aceptamos o debate e entre todos os grupos démoslle a volta a todo o texto. Introducimos criterios interesantísimos. Este tipo de leis están orientadas á morte nos hospitais, mais nunca á atención primaria nin ao domicilio ou residencias de maiores, e esta lei tamén se orientou cara aí. Aprobámola por unanimidade.

Comentarios