Opinión

O Parlamento galego fai 40 anos

Estanse conmemorando os 40 anos da celebración das primeiras eleccións ao Parlamento galego. Se houbese que destacar algunhas circunstancias do resultado rexistrado naquel 20 de outubro de 1981 poderíanse citar tres: a porcentaxe de abstencionistas (53,7%) foi superior á de votantes; AP ficou como primeira forza, por riba da UCD (a pesar de que este partido gobernaba no conxunto do Estado) e as formacións nacionalistas (Bloque-PSG e EG) obtiveron 4 escanos sobre os 71 que, naquel momento, conformaban a Cámara lexislativa.

O sorprendente triunfo de AP foi considerado, posteriormente, como un fenómeno demostrativo de que, nalgunhas ocasións, o comportamento electoral dalgúns sectores da sociedade galega anticipou fenómenos que aparecerían máis tarde na política estatal. O espectacular derrubo da UCD neses comicios de 1981 tivo a súa continuidade na desfeita ocorrida un ano despois, cando Felipe González chegou á Moncloa e Fraga ocupou o posto de líder da oposición. Na segunda década deste século, a aparición de AGE nas eleccións galegas de 2012 foi vista como un preludio dos éxitos electorais de Podemos nos anos 2015 e 2016.

A cativa presenza acadada polo nacionalismo galego certificou unha debilidade que xa se amosara nas eleccións xerais de 1977 e 1979, cando non fora quen de obter representación no Congreso e no Senado. O pouco peso das formacións nacionalistas nas institucións representativas que comezaban a funcionar reduciu a súa capacidade de incidencia en cuestións tan relevantes como a elaboración do Estatuto de Autonomía e o funcionamento do propio autogoberno. A expulsión dos tres deputados do Bloque-PSG por mor dunha dogmática e intolerante interpretación da norma que esixía o acatamento dos textos constitucional e estatutario minorou, aínda máis, a posibilidade de influencia desta corrente política.

O nacionalismo galego tivo que agardar a 1993 (13 escanos na Cámara do Hórreo) e 1996 (2 deputados no Congreso) para ter unha presenza cualitativamente significativa aínda que nitidamente inferior á que se viña constatando no País Vasco e Cataluña. O éxito de Coalición Galega nos comicios autonómicos de 1985 (11 parlamentarios) non tivo a continuidade agardada e definiu unha das singularidades mais destacadas do mapa político galego: a carencia dunha forza galeguista homologábel ao que eran o PNV e CiU nos seus respectivos ámbitos de referencia.

A febleza electoral do nacionalismo galego nos primeiros anos da andaina do autogoberno tivo que ver, sen dúbida, co estado de opinión existente entre amplos sectores sociais pouco favorábeis a outorgar a confianza que lle demandaban dende as organizacións que acudían ás urnas. Mais tamén cabe falar da existencia de erros e carencias que cortocircuitaban as posibilidades de apoio: excesiva confrontación cainita entre as distintas formacións, confusión entre os desexos de cambio e a conciencia sobre as limitacións que impuña a realidade existente, indebido refuxio sectario nas propias conviccións para enfrontar a minorización que se constataba nas sucesivas consultas electorais...

Os cambios legais impostos por Fraga a partir de 1990 (singularmente, o requisito de acadar o 5% dos votos en cada circunscrición provincial para ter representación parlamentaria) condicionaron a evolución do mapa político galego, desincentivando calquera proxecto de creación dunha forza política capaz de competir co PPdeG na captación dun electorado moderado de vocación galeguista. O nivel de pluralismo que se rexistrou nos Parlamentos de Euskadi e Cataluña non se correspondeu co que coñecemos no noso país, a pesar de compartir a condición constitucional de nacionalidade histórica. A flexibilidade das fórmulas de gobernabilidade que se deron naquelas comunidades durante as últimas décadas non existiu no seo das institucións galegas: antes, agora e semella que nun futuro próximo aquí só hai dúas alternativas (ou segue gobernando o PP ou hai un acordo de cogobernanza entre o nacionalismo e a esquerda estatal).

Comentarios