A formación do Parlamento provoca cambios na corporación local de Compostela

Noa Díaz, até agora concelleira de Educación do Goberno local, abandona o cargo para exercer como deputada do PSdeG. Ademais da súa despedida, hoxe no pazo de Raxoi tomaron posesión María Rozas e Xan Duro de Compostela Aberta (CA) en substitución de Martiño Noriega e Rafael Peña, que anunciaron en xullo a súa desvinculación das actas.

Noa Díaz, deputado do PSdeG.
photo_camera A ex edil de Educación de Compostela, Noa Díaz (Foto: Europa Press)

A inminente formación do novo arco parlamentario galego deixouse notar esta sexta feira no Concello de Santiago de Compostela. A edil que levaba a área de Educación, Noa Díaz, despediuse da súa ocupación dos últimos tempos para marchar ao Parlamento.

Díaz despediuse no pleno que decorreu en Raxoi para centrar todos os seus esforzos na labor como deputada do grupo socialista na Cámara galega.

Os voceiros de todos os grupos – Goretti Sanmartín (BNG), Marta Lois (CA) e Gumersindo Guinarte (PSOE)- tomaron a palabra para a despedida cortés.

 Tamén o fixo Alejandro Sánchez-Brunete (Partido Popular), que incluíu un reproche nas súas verbas por abandonar o cargo cando vai comezar o curso escolar.

A necesidade dun recambio no goberno de Sánchez Bugallo era algo agardado, dado que a xa ex concelleira ía en ‘postos de saída’ na lista do PSdeG para as pasadas eleccións á Xunta da Galiza.

No mesmo pleno tomaron posesión como concelleiros do grupo de Compostela Aberta María Rozas e Xan Duro. Estes veñen substituír ao ex alcalde Martiño Noriega e a Rafael Peña, que xa anunciaron a súa saída do Concello a mediados do pasado mes de xullo.

Porén, nin Rozas nin Duro chegan de novas á xestión e política municipal. Ambos formaron parte do Goberno de Noriega entre 2015 e 2019.

Comentarios