18-F

Més per Mallorca, que nas estatais concorreu con Sumar, pide o voto para o BNG

“O domingo faredes historia”

Viçenc Vidal, deputado de Més per Mallorca no Congreso español. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Viçenc Vidal, deputado de Més per Mallorca no Congreso español. (Foto: Nós Diario)

A coalición Més per Mallorca, que o pasado 23 de xullo fixo historia nas eleccións estatais conseguindo o primeiro deputado independentista das Illes Balears, concorrendo xunto ao Sumar de Yolanda Díaz, vén de pedir o voto para o BNG nas eleccións galegas.

“Desde Mallorca, enviamos todo o noso apoio ás compañeiras e aos compañeiros do BNG. Este domingo faredes historia”, reza a mensaxe publicada nas redes sociais da formación balear.

Súmase así Més per Mallorca ao camiño iniciado por outras formacións como Compromís, que o pasado mes de marzo se desvinculou de Sumar e anunciou que non formará parte da súa estrutura orgánica nin da súa dirección, logo de concorrer xuntos, tamén, ás eleccións estatais.

Aliás, a organización xuvenil de Compromís, Joves PV, solicitou a través das súas redes sociais o voto para o BNG nas próximas eleccións ao Parlamento galego do 18 de febreiro. “Todo o apoio para o BNG e Galiza Nova -organización xuvenil do nacionalismo galego- nas eleccións do próximo 18 de febreiro”, indicaban.

E Adelante Andalucía, coalición electoral formada inicialmente polos Partidos Podemos Andalucía, Izquierda Unida Los Verdes-Convocatoria por Andalucía e os partidos andalucistas Izquierda Andalucista e Primavera Andaluza, emitiu tamén un contundente comunicado no que chaman a concentrar “todo o apoio da esquerda transformadora e o soberanismo popular en Ana Pontón”, que confían, din, “será a próxima presidente da Xunta da Galiza”.

Comentarios