18-F | Vídeo

A mensaxe de Xosé Manuel Beiras: "Só o BNG pode dar a volta á situación e desaloxar o PP da Xunta"

O histórico líder nacionalista grava un vídeo no que pide o apoio a Ana Pontón de cara ao 18-F: “Temos unha oportunidade”.

BEIRAS
photo_camera Xosé Manuel Beiras, nun momento do vídeo. (Foto: BNG)

Xosé Manuel Beiras gravou un vídeo no que traslada unha mensaxe de apoio ao BNG e Ana Pontón de cara ao 18 de febreiro, dando así un paso máis na liña de compromiso que o histórico nacionalista está a desenvolver nesta campaña electoral para coa candidatura do BNG.

“Temos a oportunidade de desaloxar da Xunta da Galiza ao Partido Popular, que leva anos utilizando os poderes da autonomía galega ao servizo de aqueles poderes que proceden a espoliar o noso país, a tratalo como unha colonia e mesmo querer acabar co noso idioma”, afirma Beiras no inicio da súa mensaxe.

O veterano nacionalista indica no vídeo, gravado na biblioteca da súa casa, que a sociedade galega ten o 18-F “unha oportunidade” de cambio e que iso “só pode facelo unha forza propia da Galiza, de esquerdas, progresista e aberta, como é o BNG e Ana Pontón”. “Só o BNG”, prosegue, “pode dar a volta á situación e impedir que o noso país sexa un pobo e unha nación en perigo ou en proceso de extinción como tal”.

Esta gravación, que o BNG vén de pendurar nas redes sociais, súmase aos pasos dados nestas semanas por Beiras e Anova de apoio á candidatura de Ana Pontón. Un exmeplo disto foi o acto desenvolvido a pasada sexta feira en Compostela, e no que participaron Ana pontón, Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega, sendo a directora de Nós Diario María Obelleiro a moderadora.

Alí, Beiras afirmou que o voto "ten que mobilizarse na auténtica alternativa", subliñando que o BNG "é a ferramenta política" que está en todos os ámbitos da sociedade. "Hai que ir votar, todos os votos son importantes", salientou, para sinalar, acto seguido, que sería "tristísimo" que non se chegase ao cambio porque alguén non acuda ás urnas. "Sede intelixentes", dixo, noutro punto da súa intervención, á pregunta de que lle diría a quen nunca colleu a papeleta do Bloque para convencer de que o faga por primeira vez.

Comentarios