Veto da Xunta

Mar Sánchez, cesada como secretaria xeral de Medios

Sánchez abandona a Galiza, xunto coa directora do Gabinete de Presidencia da Xunta, Marta Varela, para ocupar novas responsabilidades a nivel orgánico no executivo estatal do Partido Popular. 
Mar Sánchez Sierra acompañando Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Álvaro Ballesteros/Europa Press)
photo_camera Mar Sánchez Sierra acompañando Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Álvaro Ballesteros/Europa Press)

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión semanal o cesamento da secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez Sierra, e a directora de Gabinete do presidente da Xunta, Marta Varela.

Tanto Sánchez como Varela acompañarán Alberto Núñez Feixoo como presidente estatal do Partido Popular (PP), unha vez que se oficialice o nomeamento de Alfonso Rueda na sucesión como presidente do Goberno galego.

Non serán os únicos cesamentos que se produzan na Xunta, xa que nas vindeiras semanas está previsto que outros cargos abandonen as súas responsabilidades para marchar con Feixoo a Madrid

Na rolda de prensa do que será o último Consello de la Xunta que preside, o ex presidente galego agradeceu a ambas o seu "compromiso persoal, profesional e familiar".

Dous días antes de ser cesada, Mar Sánchez deixou asinada a resolución pola que excluíu novamente Nós Diario das axudas públicas da Xunta á prensa escrita.

Novo proxecto "a nivel estatal"

Feixoo afirmou que, aínda que quedarán rexistrados como "cesamentos a petición propia", sería máis adecuado dicir que son "cesamentos a pedimento do presidente".

"Agradecemos os servizos prestados na Galiza e que aceptasen sumarse ao proxecto dun partido a nivele estatal".

O presidente do PP estatal matizou que, aínda que ocupen novos cargos a nivel estatal, seguirán tendo contacto laboral con algúns xornalistas que cubriron até o de agora a información ligada á Presidencia de Feixoo.

Comentarios