mércores 26/01/22

A maioría do Comité Central de Primeira Linha demite e abandona a formación

Nun comunicado consideran a etapa actual “esgotada”. Entre os que abandonan a militancia en PL están dirixentes de Nós-Unidade Popular( Mauricio Castro, Bruno L. Teixeiro), Briga e Agir.

Primeiras Linha

Seis membros do Comité Central de Primeira Linha decidiron colectivamente abandonar o organismo de dirección da formación e darse de baixa como militantes no partido. Unha decisión que explican nun comunicado que vén de ser publicado no Diario Liberdade e no que enmarcan a decisión na situación de crise interna “ arrastada nos últimos meses polo nosso partido, que tivo diferentes expressons e conseqüências”.

Entre as persoas que asinan o comunicado están Mauricio Castro (membro da Dirección Nacional de Nós-Unidade Popular), Eva Cortinhas Ferreira (responsábel nacional de Organización da entidade xuvenil independentista BRIGA), Aarom Curbeira Martins (responsábel nacional de Organización da entidade estudantil independentista AGIR), Bruno Lopes Teixeiro (responsábel nacional de Organización de Nós-Unidade Popular) e Iago Moreno Ramos (membro da Dirección Nacional de Nós-Unidade Popular), Óscar Peres Vidal. No escrito, as persoas asinantes afirman que nin na Conferencia Nacional que decorreu en novembro nin no Congreso Nacional de PL, en abril, foi posíbel “mudar as negativas tendências verificadas no interior do partido”. Sinalan a falla de unanimidade e de condicións para o cambio no interior de Primeira Linha como factores que lles “abocam” a abandonar a militancia nunhas “siglas representativas do que consideramos umha etapa completamente esgotada”.

Aclaran que esta decisión non supón a renuncia ás ideas independentistas e comunistas, maís ben ao contrario, “temos a firme convicçom de que é necessário relançá-las junto a outros e outras compatriotas que fora das reduzidas dimensons do nosso movimento compartilham idênticos sonhos de transformaçom nacional, social e de género”.

Un proceso novo

Estas persoas consideran necesario encetar un proceso “sem prazos nem pré-condiçons”, que conduza “à construçom de um novo espaço político cuja incidência represente e projete para o futuro a dimensom e possibilidades de êxito do independentismo de esquerda existente na Galiza”.

Nesta liña, sinalan, a súa intención “é trabalharmos por umha confluência ampla e ao nível que for possível em cada momento e em cada localidade da Galiza em que vivemos, trabalhamos e sonhamos [...] O nosso trabalho vai concretizar-se, de maneira prioritária, na entidade juvenil BRIGA e na estudantil AGIR, como até agora, mas também na construçom de alternativas de ámbito local pola ruptura democrática e pola construçom de força social para a independência e o socialismo”.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

A maioría do Comité Central de Primeira Linha demite e abandona a formación
comentarios