“O maior xestor de residuos de Galiza operou sen licenza de actividade”, denuncia Marea de Touro

E todo, engade, malia as queixas e protestas veciñais.

touro

Marea Verciñal de Touro denuncia que “dende a súa implantación no ano 2005 ata o ano 2011” a empresa Ten “estivo a operar con residuos de carácter urbano e industrial sen licenza de actividade”.

Sempre segundo esta formación, o Pleno extraordinario do Concello de Touro celebrado a principios desta semana e relativo ao procedemento de renovación da modificación substancial da Autorización Ambiental Integrada (AAI) “deixa ao descuberto feitos inimaxinábeis para a veciñanza”.

“E todo, a pesares das numerosas queixas veciñais e denuncias públicas polos pestilentes -e persistentes- cheiros orixinados nas súas instalacións situadas nos terreos da antiga mina de Touro, que están a xerar un grave problema de saúde pública no ámbito municipal.”

En 2011, afirma Marea, o Concello de Touro concedeu a Tratamientos Ecológicos del Noroeste S.L. a súa primeira licenza de obras e actividade, “sen que a día de hoxe se teña acreditado que estea en posesión da habilitación necesaria por parte da Dirección Xeral de Enerxía e Minas para a ocupación dos terreos e o inicio de tarefas”.

Todo isto, proseguen, “non impediu que continuase a operar baixo a súa propia "normalidade" ata converterse segundo a súa información corporativa en "líder en Galiza con máis de 135.000 toneladas de residuos tratadas ao ano" en "52.000 m2 de instalacións".

A realidade constata a existencia de obras e instalacións sen licenza municipal ou que Ten está a operar fóra dos límites físicos establecidos na Autorización Ambiental Integrada nun reflexo do seu crecemento á marxe da legalidade. Hai que ter en conta, ademais, que durante a tramitación das licenzas non consta informe favorábel algún do organismo competente en materia de Minas”.

O Grupo Veciñal de Touro insta o alcalde  que “faga cumprir como rexedor municipal a legalidade e a normativa urbanística a unha mercantil que operada só por dez empregados logrou converter ao concello no maior váter de Galiza”.

Comentarios