Luz verde aos orzamentos de 2022 tras o PP rexeitar as 1.025 emendas da oposición

O Parlamento galego aproba de forma definitiva os Orzamentos da Xunta da Galiza para o ano 2022, con 11.627 millóns de euros. As novas contas saíron adiante cos votos en solitario do PP e minguan as partidas para a Atención Primaria.
O PP elimina dos orzamentos a proposta que eles mesmos fixeran para subir o IRPF ás rendas altas (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera O PP elimina dos orzamentos a proposta que eles mesmos fixeran para subir o IRPF ás rendas altas. (Foto: Parlamento da Galiza)

A Cámara galega deu esta terza feira, 21 de decembro, o aprobado final aos Orzamentos da Xunta da Galiza de 2022, cos votos a prol do PP e o 'non' de BNG e PSdeG. As contas consignan 11.627 millóns para o ano que vén. O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, tomou brevemente a palabra no pleno para destacar o seu anhelo de que os orzamentos sexan útiles para saír da crise. 

Non tiveron sorte ningunha das 1.025 emendas que, despois das distintas comisións e trámites, deron chegado ao pleno (465 do BNG e 560 do PSdeG). O PP tumbounas todas. Tampouco hai consenso á hora de determinar canto aumentan os orzamentos de 2022. A oposición volveunos  cualificar de "austeros", incidindo en que apenas soben 64 millóns de euros, é dicir, tan só 0,55% máis respecto ás contas de 2021 (11.563 millóns). En fronte, o Executivo de Alberto Núñez Feixoo defende que se dá un incremento de 6,9%. A porcentaxe que dan os populares sae ao restar dos orzamentos de 2021 os 685 millóns de fondos extraordinarios Covid que a Galiza recibiu nese exercicio (co que o orzamento de 2021 pasaría de 11.563 millóns a 10.878 millóns). Pola contra, neses cálculos, a Xunta non aplica a mesma regra ás contas de 2022, e si computa  no orzamento do ano que vén os 220 millóns que corresponden á devolución do IVE que o Estado adebeda á Galiza do ano 2017.

O novo orzamento "non aumenta nin 1%, polo que máis ben temos unha conxelación”, reprochou a deputada do BNG Noa Presas. No debate, subliñou que “o peso do Orzamento da Xunta sobre o PIB galego segue a baixar” e segue a depender en “máis de 10% da recepción de fondos extraordinarios que van acabar este ano”. Isto significa, explicou, que "son uns orzamentos austeros, porque o seu alcance depende de fondos extraordinarios e, aínda así, dedican 10% a amortizar unha débeda que non deixou de aumentar desde que o PP entrou no Goberno". 

Pola súa banda, o voceiro do grupo parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou que os orzamentos “non están á altura do que as galegas e galegos necesitan”. Carecen, dixo, "de estratexia de país, de modelo para a recuperación e de política económica". 

"A falacia fiscal"

En materia de política fiscal, a Xunta destaca que se inclúen novas rebaixas para o vindeiro ano. O Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) rebáixase 10%, co que o tipo xeral pasa de 10 a 9% para reducir a tributación ás familias que adquiren unha vivenda usada. En canto ao imposto de Patrimonio mantense o mínimo exento e bonifícase 25% a cota. En canto ao Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), a Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña as contas -a chamada lei de acompañamento, aprobada no pleno- tomba, cunha emenda do propio PP, o anuncio que fixera Feixoo na presentación dos orzamentos sobre un novo tramo do IRPF para as rendas altas

Así, o PP deixou sen efecto nos orzamentos de 2022 a suba no IRPF de 22,5% a 23,5% da cotización no tramo autonómico para as rendas que superan os 100.000 euros. Desta maneira, suprímese a suba do IRPF para as rendas máis altas contemplada nas propias contas da Xunta. 
A este respecto, o socialista Gonzalo Caballero reprobou a “falacia fiscal do PP”, que anuncia unha rebaixa de impostos que "en realidade só afecta 38.000 galegas e galegos que cobran máis de 100.000 euros anuais", aos que lles rebaixan 500 euros de impostos. Aos 800.000 galegos e galegas de rendas baixas, dixeron Caballero e a deputada Olalla Rodil (BNG), apenas se lles reducen 12 euros ao ano. Ambos censuraron esta “alianza de Feixoo cos millonarios mentres se recortan os servizos públicos".

Mentres, o secretario xeral dos populares, Miguel  Tellado acusou a oposición de querer "subir os impostos a todos".

Sanidade e educación

Caballero tamén reprobou que se incrementen 6% as partidas para persoal de confianza do Goberno galego mentres este "despide 868 profesoras e profesores de reforzo e máis de 500 profesionais sanitarios en plena pandemia".

Pola súa banda, a nacionalista Noa Presas referiuse ao recorte acumulado desde a chegada de Feixoo á Xunta en 2009 de 2.400 millóns na Atención Primaria. Nesa liña, reprochou o veto do PP ás emendas do BNG no ámbito sanitario. As emendas nacionalistas recollían partidas para reforzar a Primaria e aumentar o persoal, para novos centros de saúde e atender as necesidades dos hospitais comarcais, así como unha partida de 42 millóns para un plan de continxencia que permitise garantir a atención sanitaria e eliminar as listas de agarda; ademais de 21 millóns para incrementar o Plan de atención á saúde mental. En relación á educación, a nacionalista propuxo un "acordo polo ensino" con 105 millóns para reforzar o sistema educativo e dotalo "do profesorado que precisa", fronte á supresión de 2.500 docentes en 10 anos.

Nos novos orzamentos, Sanidade fica practicamente na mesma cifra que en 2021 (4.587,1 millóns). A Atención Primaria, pese ao seu colapso e a falta de persoal recoñecida polo Goberno e a oposición, a Xunta destinará 1.389 millóns, por baixo dos 1.391 de 2021, e máis lonxe aínda dos 1.436 millóns orzados para 2009 pola Xunta de PSdeG e BNG, xusto antes da vitoria de Feixoo.

Redúcese a distancia entre eólicos e casas

O Hemiciclo tamén aprobou a Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña os orzamentos. A oposición cargou contra a Xunta por empregar esta lei para mudar "todo tipo de normas", até 30, á marxe de cuestións orzamentarias, e criticou a emenda do PP que elimina dos orzamentos o tramo de maior gravame impositivo para as renda altas. A deputada Olalla Rodil (BNG) cualificou de "hipocrisía" a reforma do sector eólico que estabelece esta lei, ao considerar "falsa" a moratoria de ano e medio para novos parques eólicos, e asegurou que o obxectivo da Xunta é "gañar tempo" para tramitar máis de 200 expedientes. 

Denunciou tamén a emenda introducida polo PP para que os parques eólicos admitidos ou de  repotenciación non teñan que estar a un quilómetro de distancia das casas, polo que acusou o PP de ser "representante do  oligopolio eólico".

Comentarios