O PP di que blinda a sanidade, mais reduce o investimento en Atención Primaria

Tellado asegura que a Xunta "blinda as infraestruturas sanitarias" no seu proxecto de orzamentos para 2022, mais as partidas sanitarias son as que menos medran e, en concreto, caen os recursos para Atención Primaria. Iso si, mantéñense os millonarios concertos coas empresas sanitarias privadas.

O secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado (Foto: Nós Diario)
photo_camera O secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PP na Galiza, Miguel Tellado, defendeu esta sexta feira, 22 de outubro, que o proxecto de Orzamentos da Xunta para 2022 "blinda servizos públicos", en resposta ás críticas de BNG e PSdeG a este respecto. De ambas as formacións, asegurou que son "discos antigos que repiten o mesmo unha e outra vez".

En rolda de prensa, Tellado asegurou que a mellor vacina fronte ás críticas da oposición son "os datos" que certifican que son unhas contas que "blindan infraestruturas sanitarias".

Mais o certo é que eses datos aos que se referiu Tellado, o proxecto de orzamentos para 2022 -publicados esta semana- amosan que as partidas para Sanidade son das que menos crecen (4.588 millóns de euros para 2022 fronte aos 4.587 de 2021). Aliás, a Atención Primaria verá reducida a súa asignación: 1.389 millóns para 2022 fronte aos 1.391 deste ano.

Iso si, se Tellado se refire aos concertos da Xunta con centros privados de atención médica, a cifra suma 127 millóns (e todo, sen contabilizar concertos máis específicos como o tratamento de hemodiálise, terapia da insuficiencia respiratoria a domicilio, contrato de ambulancias, pola realización de TAC ou por fisioterapia e rehabilitación).

Desa millonaria cifra para concertos, até 85,7 millóns corresponden só área sanitaria de Vigo, onde está o xigante privado Povisa que financia a Xunta co erario público.

Ademais, o modelo de construción e xestión concesionada do Hospital Cunqueiro de Vigo leva 37 millóns en 2022, cifra que as contas prevén  que se repita nos seguintes anos.

Carga contra Podemos por criticar Amancio Ortega

Na rolda de prensa, Tellado criticou o que cualificou como "insultos" de dirixentes de Podemos ao empresario de Inditex, Amancio Ortega, pola doazón, a través da súa fundación, de 280 millóns de euros á Sanidade para a compra de dez equipos de  protonterapia.

Despois de que a secretaria de organización da formación morada, Lilith Verstrynge, asegurase que Ortega "non é un filántropo", senón un "evasor fiscal",  Tellado instou a vicepresidenta Yolanda Díaz a "pedir desculpas".

Comentarios