martes 30/11/21

PPdeG suprime dos Orzamentos a suba do IRPF prevista para as rendas máis altas

Galiza xa non gravará máis ás rendas que superan os 100.000 euros. BNG e PSdeG fan propostas para manter "máis progresividade" e o novo tramo máis elevado

Núñez Feixoo, en Ferrol, criticia a idea de crear un novo imposto a Madrid que compense os outros territorio do Estado
Núñez Feixoo, nunha imaxe de arquivo.

A incorporación dun novo tramo na escala galega do Imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) para aqueles ingresos superiores a 100.000 euros xa non se aplicará na Galiza. Os populares introduciron nas súas emendas parlamentarias ao proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas, ás que accedeu Europa Press, unha modificación pola cal suprimen a suba deste imposto nas rendas máis altas.

O pasado 18 de outubro, Núñez Feixoo e o novo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, anunciaron un paquete de medidas fiscais, e anunciaron unha rebaixa para as "rendas medias e baixas" que supuña a supresión de dous tramos intermedios de cotización entre as rendas con base liquidábel superior a 20.200 euros e as situadas entre 60.000 euros.

Paralelamente, incorporouse no proxecto de orzamentos un novo tramo que subía do 22,5 ao 23,5 a cotización no tramo galego para as rendas que superaban os 100.000 euros.

A rebaixa fiscal no IRPF suporía, afirmaban, un impacto de 60 millóns de euros nas arcas públicas, pero non se aclarou se esta cifra incluía a 'compensación' pola suba das rendas de máis 100.000 euros ou esta recadación 'extra' quedaba á marxe, nese caso xa non se producirá se sae adiante a emenda dos populares na Cámara galega.

En comisión parlamentar, o titular da Consellería de Facenda calculou que a nova rebaixa suporá un aforro medio de 144 euros para un fogar con dous contribuíntes.

Se sae adiante a proposta do Grupo Parlamentario Popular quedarán fixados cinco tramos na escala galega do IRPF (do 9,4% do primeiro ao 22,5% con base liquidábel de 60.000 euros en diante).

Fronte a esta proposta, os grupos da oposición pretenden, segundo as emendas rexistradas, ás que accedeu Europa Press, unha fiscalidade "máis progresiva", cun total de oito tramos na escala galega, tanto no caso do BNG como do PSdeG, é dicir, manter as que había e engadir a das rendas de máis de 100.000 euros, como se incorpora no proxecto de orzamentos que entrou a tramitación parlamentaria.

Os oito tramos serían os actuais: até 12.450 euros; entre 12.450 e 20.200; entre 20.200 e 27.700; entre 27.700 e 35.200; entre 35.200 e 47.600; entre 47.600 e 60.000; e de 60.000 en diante.

PPdeG suprime dos Orzamentos a suba do IRPF prevista para as rendas máis altas
comentarios