Lores rexeita calquera negociación da Xunta con Ence para mantela na Ría

O alcalde de Pontevedra lembra que cando a empresa adquiriu a pasteira “sabía que a data de caducidade era 2018” e incide en que a veciñanza quere “outros usos na Ría”

Factoría de ENCE na Ría de Pontevedra
photo_camera Factoría de ENCE na Ría de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, rexeitou de xeito rotundo que se produza calquera "tipo de negociación" da Xunta con ENCE que poida permitir que a pasteira continúe despois de 2018 na ría de Pontevedra. O rexedor insiste en que a Ría “debe ter outros usos” e que iso é o que quere a cidadanía.

O rexedor pontevedrés recordou, nunha entrevista na Cadea Ser, que ENCE, cando "comprou" a fábrica, xa sabía que "tiña a data de caducidade" fixada para 2018. Así, Fernández Lores lamentou que co gallo da crise económica se "poidan pechar todas as empresas" e se poidan eliminar "todos os postos de traballo agás ENCE", ou se "poden espoliar todos os aforros e non pasa nada, pero ENCE hai que defendelo por riba de todo". E esa pasteira, lembrou, dá uns beneficios que “repercuten nos accionistas e pouco na cidade”

Cambiar as regras de xogo a prol dos especuladores

Na mesma entrevista na Ser, Lores acusou o goberno español de, coa nova lei de Costas, “variar as regras de xogo para beneficiar os especuladores”, o que entende que é “unha vergoña” e un “escándalo”.

Comentarios