Lores presenta un programa "sólido e realista" para impulsar Pontevedra

O candidato á Alcaldía e alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores presentou na mañá do sábado 6 de maio o programa de goberno arroupado por máis dun centenar de persoas que se deron cita na Galería Tangram da cidade.
Lores durante a presentación do seu programa para as eleccións municipais.
photo_camera Lores durante a presentación do seu programa para as eleccións municipais.

O candidato á Alcaldía de Pontevedra e alcalde do concello, Miguel Anxo Fernández Lores presentou esta mañá un programa de goberno para unha nova etapa política, acompañado de máis de 100 persoas de distintos ámbitos da sociedade pontevedresa que o arrouparon neste acto celebrado na sala Tangram da rúa Rosalía de Castro.

Foi presentado pola número dous da súa candidatura, Eva Vilaverde quen recordou que a experiencia e credibilidade do grupo municipal do BNG na xestión municipal é incontestábel e que o programa que se presenta é realista para facer avanzar Pontevedra.

Na súa intervención, Miguel Anxo Fernández Lores, que opta a un sétimo mandato consecutivo, explicou que el concurre cun "programa rigoroso" alonxado da "política espectáculo". Aseverou que "nós nunca dixemos o que non sentíamos nin prometemos o que non estábamos seguros de poder cumprir e así queremos que sexa tamén con este programa".

O programa do BNG para a Alcaldía de Pontevedra é "unha base moi sólida para avanzar e avanzar, no que se fan propostas de futuro, pero realistas e con coñecemento das posibilidades de levalas a bo fin", explicou Fernández Lores. Confirmou que é un programa xenuinamente pontevedrés e feito e dirixido "a todas aquelas persoas que lle queren a Pontevedra".

 

O candidato á Alcaldía indicou que este é un programa para unha nova etapa. Fixo alusión ao traballo feito en etapas anteriores que "xa é pasado, xa forma parte da historia da cidade, creo que brillante e orgullosa, e servirá de punto de partida para traballar nesta nova etapa". E esta nova etapa supón "novos retos, novas propostas, renovadas ilusións, unha nova etapa con fresca e entusiasta paixón por gañarmos o futuro", afirmou. 

Por iso, Fernández Lores animou aos presentes e a todos aos que lle queren a Pontevedra a convertela en "Capital de futuro, un futuro de alta calidade, verde, dinámico e integrado", fronte "ás outras candidaturas que propoñen frear o avance e desviar o modelo cara camiños diferentes e contraditorios co actual modelo ou dar abertamente unha volta atrás no modelo".

O candidato e alcalde de Pontevedra polo BNG, Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que "coa colaboración de todas e todos as persoas que lle queremos a Pontevedra estou seguro de que o lograremos".

Comentarios