mércores 12/08/20

Lores: ''O PNV non vai solucionar os problemas da Galiza, mais Esquerda Unida tampouco''

Na véspera da reunión que manterán o Bloque e Anova coa constitución dunha coligación de cara ás eleccións europeas na orde do día, o alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, cita a Celso Emilio nunha entrevista na Radio Galega e enfatiza que "nunca virá de fóra remedio ou esperanza".


"É obvio que cada país ten que ter as súas forzas políticas polo que o PNV non nos vai solucionar os problemas na Galiza, mais Esquerda Unida tampouco", espetou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na entrevista dos almorzos da Radio Galega. Ás portas da xuntanza que o Bloque e Anova manterán esta cuarta feira, 2 de outubro, co obxectivo de achegar posturas para unha eventual coligación de cara ás eleccións europeas, Lores escolleu unhas palabras de Celso Emilio para deixar claro o seu posicionamento: "nunca virá de fóra remedio ou esperanza".

Así as cousas, o rexedor nacionalista fixo estas declaracións ao lle preguntar polas súas preferencias a respeito dunha candidatura da cal faga parte EU ou doutra en que vaia tamén o PNV. "Unha cuestión complicada", adiantou entre risas, para apostar de seguido nunha candidatura "que vaia a Europa denunciar a situación en que estamos e defender as capacidades e os intereses dos galegos". 

Valorou como "complexo" o camiño que lle agarda ao Bloque. "Desde o punto de vista de defender os intereses de Galiza, de apostar no autogoberno, de sermos críticos con políticas europeas e estatais no noso País somos o orixinal, para que nos entendamos", recalcou o alcalde. "Desde que teño uso de razón, levo defendendo o dereito a decidir; levamos dicindo toda a vida que, fóra do viño, non hai ningún sector onde saiamos beneficiados por estar na Unión Europea", dixo Lores.

Porén, recoñeceu que "non soubemos transladarlle isto á cidadanía". Segundo explicou, é agora, cando se ven "os efectos negativos de que o País non teña capacidade de decisión e da colonización económica que estamos a vivir", cando "tiraron réditos" outras organizacións políticas que estiveron de acordo "coa transición política, co eurocomunismo, que votaron a favor da Constitución... e que agora, de repente, son críticos con este sistema que eles propios avalaron", en referencia a Esquerda Unida.

comentarios