Lores fala de “moción de censura encuberta e covarde”

O alcalde de Pontevedra non dubida que hai un “pacto en toda regra” da oposición e advirte: “Non vou gobernar con estes orzamentos nin de coña”.

Miguel Anxo Fernández Lores
photo_camera lores-cropII

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ten claro que a unión de PP. PSOE, Ciudadanos e En Marea para impor un “orzamento da oposición” ao goberno de Pontevedra non é algo ao chou. Hai, afirmou o rexedor, un “pacto en toda regra” no apoio duns a outros para introducir 22 emendas ás contas e modificar así o cerne das mesmas. “Unha moción de censura encuberta e covarde”, resumiu Lores.

O alcalde ten claro que hai un acordo da oposición para “tentar tombar este goberno”, ao tempo que denunciaba que as emendas aprobadas implican “destrozar” un orzamento que para Lores era “o mellor que fixemos desde que estamos a gobernar”. Lores acusou PP, PSdeG, Marea e Cs de procurar “impedir” que o BNG goberne en Pontevedra, coutando a marxe de manobra do goberno local, tentando “destruír” un modelo de cidade “con éxito”.

"Non imos aprobar estos orzamentos con estas ideas nin de coña porque estaríamos atados de pés e mans", destacou o alcalde, que xa avanzou que no BNG "faremos o que consideremos mellor para os cidadáns de Pontevedra". Nesta liña, todo aponta a que o orzamento actual sexa prorrogado. O pleno da vindeira segunda feira debería debater os orzamentos para 2017 tal e como foron emendados pola oposición, mais o goberno local emitiu un voto particular no que amosa a súa disconformidade. Isto implica que se a oposición non rectifica e apoia o proxecto inicial, o BNG retirarao do pleno.

O concelleiro de Facenda, Raimundo González, lembrou que o orzamento pasou por un proceso "amplísimo" de debate e incorpora "numerosas" propostas realizadas por colectivos sociais.

A oposición -que actuou de forma conxunta e concertada no debate das contas en comisión- censurou que o BNG pretenda gobernar con maioría "sen tela" e nega que haxa un pacto. Os orzamentos serán “mellorados”, afirmou Rei Núñez, de En Marea. Para Jacobo Moreira, do PP, o goberno do BNG está “isolado” e “non sabe gobernar”, mentres que Agustín Fernández (PSOE) dixo que “o alcalde igual ten que irse se non é capaz de negociar un orzamento"

Comentarios