A lei de recursos naturais supera o primeiro trámite no Parlamento co único apoio do PP e con críticas de "feudalismo" á Xunta pola oposición

BNG e PSdeG considera o texto un exercicio de "greenwashing" e o PP acúsaos de vivir instalados no "non a todo"

EuropaPress_6052150_conselleira_economia_industria_maria_jesus_lorenzana_debate_ley_recursos
photo_camera A conselleira María Jesús Lourenzá esta terza feira na defensa da Lei (Foto: Xunta da Galiza)

A lei de recursos naturais elaborada polo Goberno galego superou o primeiro trámite parlamentario e inicia a súa tramitación na Cámara após superar, grazas á maioría absoluta do PP, as emendas de devolución solicitadas por BNG e PSdeG ao entender os primeiros que o texto outorga un poder "feudal" á Xunta da Galiza para decidir sobre os proxectos e os segundos consideralo un exercicio de "greenwashing" que, na práctica, supón unha "oportunidade perdida".

O debate ao redor da denomidada 'Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais da Galiza’ abriu a sesión ordinaria do pleno do Parlamento esta terza feira, coa conselleira de Economía e Infraestruturas, María Jesús Lourenzá, subida ao estrado para defender unha normativa que procede da anterior lexislatura.

Así, a primeira norma do Executivo galego que preside Alfonso Rueda nesta lexislatura busca, en palabras da responsábel da área económica, "ordenar" o aproveitamento dos recursos naturais para "protexer" o medio ambiente e, ao mesmo tempo, "favorecer" a implantación de iniciativas empresariais desde unha perspectiva "beneficiosa" para a sociedade galega.

Lourenzá sentenciou que a Galiza está ante "un momento crucial" no seu "devir" no que pode "pechar os ollos e bloquear o futuro" ou "avanzar cara a unha Galiza verde" e "autónoma", polo que o obxectivo da Xunta con esta lei é apostar polo "progreso" para que "os galegos do século XXII estean orgulloso" do que se empezou "a construír aquí".

"Temos o dereito e, sobre todo, o deber de coidar da Galiza e dos seus recursos; e de facelo aproveitando isto para os galegos", sentenciou a conselleira, que asegurou que a meta é converter a Galiza nun territorio "á cabeza" da descarbonización da súa economía e do "abaratamento da enerxía".

Os grupos da oposición -BNG, a través da súa deputada Noa Presas; e o PSdeG, con Patricia Igrexas á palabra- coincidiron en cualificar o "discurso" que envolve este proxecto lexislativo en "palabrería bonita" e "unha sucesión de eufemismos" que se atopa "revoltos" nun texto que, tanto nacionalistas como socialistas, ven un "despropósito" a nivel normativo.

Así, Presas xustificou a petición de devolución do seu grupo por entender que se trata dunha lei "camaleónica" que "aparenta o que non é" e que poden carrexar "máis caos, desprotección e danos irreparables ao país" ao estar auspiciada pola influencia, segundo oBNG, do "lobby eléctrico" na súa elaboración.

"Isto é un debate entre os que queren un futuro para a Galiza e hai que elixir entre estar no lado da Galiza ou no do lobby eléctrico. Nós temos claro cal é o lado bo da historia", sentenciou Presas, que advertiu que o texto "aumenta a discrecionalidade" do Consello da Xunta para autorizar proxectos que teñan impacto sobre o medio ambiente e o territorio galego, o que a levou a lembrar que, a segunda feira, reactivouse o proxecto da mina de Touro por parte do Goberno galego.

Todo, "ignorando" o ditame do Consello Económico e Social, segundo Noa Presas, que lembrou que o "demoledor" informe do "maior organismo" de asesoramento para o Executivo autonómico puxo pexas ao texto ao considerar que podería ser "perigosa" para a Galiza.

"Iso é o que queren: máis poder para seguir decidindo a dedo. Coma se isto fose o medievo e vostedes señores feudais", aseverou a deputada nacionalista, que puxo o foco sobre a contradición que aprecia nun PP "tan defensor do libre mercado" e que "despois o que quere é meter man" desde o poder lexislativo e executivo.

Para Patricia Igrexas, o proxecto de lei "tingue de cor verde" a xestión dos recursos naturais da Xunta mais, en realidade, demostra que a Galiza ten "un Goberno que está moi verde" á hora de "ordenar e planificar" as zonas onde se poden implantar proxectos.

Neste sentido, e tras reiterar que se trata dunha "oportunidade perdida" para avanzar cara a unha "planificación sensata e ordenada" dos recursos naturais para compasalo ao desenvolvemento industrial "respectuoso" co medio e o territorio, Igrexas dixo que a lei "ten unha cousa boa e outra mala".

"A boa é o título porque, evidentemente, necesitamos regular os recursos naturais da galiza e apostar polas renovábeis. O malo, é todo o demais", espetou para, a continuación, cualificar de "despropósito normativo" un texto que ve "unha sucesión de eufemismos imperdoables".

Comentarios