Consello da Xunta

Luz verde ao anteproxecto de Lei de recursos naturais

Aprobada a convocatoria da tarxeta Benvida e o contrato do 061.
Polígono eólico en Esgos (comarca de Ourense). (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera Polígono eólico en Esgos, na comarca de Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)

O Consello da Xunta da Galiza aprobou esta quinta feira o proxecto de Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais da Galiza e acordou a súa remisión ao Parlamento galego. Así o anunciou o presidente galego, Alfonso Rueda, na comparecencia de prensa decorrida despois da xuntanza do Consello.

Trátase dun texto normativo fortemente criticado por sindicatos como a CIG ou o SLG porque os contidos da mesma "non responden ao suposto obxectivo de repercutir dalgún xeito os beneficios da explotación de recursos no pobo galego", situando a lei na liña das denominadas leis de depredación que o PP leva impulsando na Galiza desde 2017.

O Consello da Xunta tamén aprobou esta quinta unha nova convocatoria da tarxeta Benvida para o vindeiro ano, á que destinará 31,5 millóns de euros. Así, cada familia recibirá 1.200 euros durante o primeiro ano de vida da filla ou fillo, ou 1.500 se viven nun concello de menos de 5.000 habitantes. Porén, e segundo recolleu Nós Diario, os períodos de pagamento das axudas á crianza foron cuestionados por familias que denunciaron atrasos nos pagos, que o Executivo galego realiza de maneira fraccionada, chegando nalgúns casos a facer a crianza oito meses sen ter recibido o importe íntegro da tarxeta.

A convocatoria de 2024 inclúe dúas novidades: a concesión da tarxeta para mulleres embarazadas a partir das 21 semanas, e a familias que acollan menores de até tres anos. 

Transporte sanitario urxente

O Consello da Xunta deu luz verde á contratación do servizo de transporte sanitario urxente terrestre pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias da Galiza-061 cun valor estimado de 177.920.643,66 euros, e un orzamento inicial de licitación de 118.201.312,36 euros. 

Comentarios