Laura Sánchez Piñón, ex conselleira: "Galiza non necesita hoxe en día de universidades privadas"
Laura Sánchez Piñón prometeu o 4 de agosto de 2005, hai esta semana 20 anos, o seu cargo como conselleira de Educación e Ordenación Universitaria do Goberno do PSdeG e BNG na Xunta da Galiza, cunha vocación de “servizo público” que exercía desde os 26 anos como docente na USC, e cun “proxecto compartido con moita xente” tanto socialistas –facía parte do PSdeG- como nacionalistas, explica a este xornal. Daquela experiencia, logo da cal volveu á Universidade e abandonou a política institucional, queda co “exemplo” que deu o bipartito de que “dúas forzas políticas de esquerdas poden gobernar e sacar moitas cousas adiante”.
Fixéronse 20 anos do día en que tomou posesión como conselleira de Educación, como lembra ese momento?
Foi un momento moi especial por asumir unha responsabilidade na función pública, na que sempre traballei. Esa etapa era nova desde a perspectiva de moverme na parte pública dentro dun proxecto que compartín e compartiría relacionado ademais co meu traballo e a miña formación durante moitos anos. Empecei na Universidade con 26 anos, tiña xa daquela moitos anos na docencia e investigación. Era unha nova etapa que comecei pensando que todo o que aprendera e fixera até ese momento podía reverter nun proxecto colectivo.
Cales eran os retos cos que afrontaba a súa responsabilidade no bipartito?
Os retos eran moitos, que partían do proxecto compartido con moita xente tanto do PSdeG como do BNG, era poder ofrecer as mellores condicións para o profesorado e o alumno na educación pública, con proxectos para mellorar as condicións laborais dos mestres e das mestras porque iso repercute nunha mellor calidade da ensinanza; poder chegar a máis lugares tendo en conta que Galiza ten unha dispersión poboacional moi grande e iso supón un reto na educación. Poder chegar con estándares de calidade a todos os lugares por igual, sen diferenzas entre os que viven en Santiago ou en Cervantes, iso sempre foi un reto. Mellorar a accesibilidade, os medios e a calidade do profesorado, con programas tamén moi importantes de formación. Foi unha etapa de grandes acordos con todas as forzas sindicais da Galiza que foi un plus para todas as melloras salariais, na formación, novos proxectos nos centros e tamén unha política decidida de apoio ao rural.
O bipartito aprobou en 2007 un decreto do galego que o PP converteu nun dos cabalos de batalla na oposición ao Goberno de coalición. O PP falaba de imposición do galego, era certo?
Non, nunca, na Galiza nunca houbo imposición do galego. Ese decreto até horas antes de ir ao Consello da Xunta, -e hai documentación diso-, o PP apoiábao, dúas horas antes do Consello da Xunta. Isto foi un xiro de última hora, absolutamente inesperado. Tivéramos múltiples reunións con todos os partidos no Parlamento, precisamente para chegar a un consenso ao que penso que se chegou. O porqué teñen que respondelo outras persoas porque eu nin o entendín nin o entendo, só podo atoparlle unha explicación de oportunidade política, de pensar que iso podía dar votos, pero eu penso que na Galiza iso non ten ningún sentido, convivimos nas dúas linguas sen ningún tipo de problema. Eu por cuestións familiares e vitais a miña primeira lingua é o castelán, as miñas fillas, que foron ao colexio na Galiza desde pequenas, son absolutamente bilingües e manéxanse perfectamente nos dous idiomas. O galego é cultura e facilita a aprendizaxe doutras linguas, non se pode perder.
Logo chegou Alberto Núñez Feixoo á Xunta e aprobou o decreto que limita o galego no ensino. Que lle pareceu daquela e agora o denominado decreto do plurilingüismo que segue en vigor?
Penso que foi un erro maiúsculo. Nun lugar onde a lingua non era un problema, se queres crear o problema igual o creas. Non teño a percepción de que fora un problema a lingua nos colexios ou nos institutos, era un problema irreal e inventado. O decreto pactado en 2007 era moi parecido a un das Illes Balears, onde gobernaba o PP naquel momento.
Nos últimos anos son frecuentes as protestas en todos os eidos educativos, que é o que está pasando?
A miña perspectiva e opinión refírese máis ao eido universitario. Na Galiza, a Universidade pública segue a ser o referente, sempre entre as primeiras de España, iso representa o traballo de todos. Sempre é bo ter máis recursos, no eido universitario estamos asistindo a moitos programas de captación europeos e no Estado español de xente nova que está a enriquecer a Universidade pero hai un feito demográfico que é o tema das xubilacións de profesionais na ensinanza media e na ensinanza universitaria, e sería importante ter políticas de remuda porque iso non se improvisa, da noite para a mañá non se fai. Os programas teñen que ser pensados e con tempo, non cando nos enfrontamos xa a xubilacións e vemos que non hai remuda suficiente. Hai áreas fóra do eido universitario que teñen moita demanda e fan incorporarse a outra parte da profesión, e quedamos con pouca xente que se forme na universidade para ser profesor.
Considera preciso na Galiza universidades privadas?
Eu sinceramente penso que Galiza coas tres universidades e os sete campus que ten non precisa universidades privadas hoxe en día. Hai unha amplitude de titulacións moi importante. Co número de solicitudes que se presentan e o número de prazas que se ofertan estamos perfectamente cubertos. Eu creo que non hai dicotomía entre a pública e a privada, é universidade de calidade, e a maioría das universidades privadas que coñezo non teñen oferta investigadora case, nin pequena. A universidade pública, por traxectoria e por medios, ofrece unha formación investigadora, precisamos investigación e proxectos competitivos. Eu agora mesmo na Galiza non vexo esa necesidade.
Agora ademais están sobre a mesa novas facultades de Medicina. Como se ve a polémica desde o Campus de Lugo?
Sigo o tema pola prensa, non teño conversado con profesores neste sentido. Houbo un acordo en 2015 para descentralizar a docencia nos últimos cursos, eu iso si podo velo e se está dando. Penso que os medios que serían precisos para ter tres facultades de Medicina, porque ao final sabemos que non sería unha máis senón dúas, repercutirían a medio prazo nas posibilidades de formación, porque tamén en Medicina hai un número importante de xubilacións. Se vai haber xa dificultades de incorporación de profesorado, que pasaría coas tres facultades? Sería complicado. Agora mesmo moitos MIR non optan tanto pola formación investigadora nun primeiro momento, ao mellor nos atopamos con persoal non suficientemente formado.
O PP someteu ao goberno do PSdeG-BNG a unha campaña electoral enlamada da que moitos dos ex membros daquel bipartito se teñen queixado...
Horríbel. Foi unha campaña electoral absolutamente anómala, e eu vivira outras campañas electorais. Chea de cousas ridículas, fóra do interese xeral, sen ningún tipo de propostas. Penso que en política pódese discrepar pero sempre dentro de facer propostas e chegar a acordos. Foi unha campaña anómala que non se baseou en propostas, na política dese momento foi algo mesmo sorprendente que eu non o esperaba. Vía ataques a compañeiros, inxustos e fóra de lugar.
Botando a vista atrás 20 anos, e sen mirar a súa Consallería, que tres logros destacaría dos acadados polo bipartito?
Creo que foi un exemplo de que dúas forzas políticas de esquerdas poden gobernar e sacar moitas cousas adiante, e penso que iso é un grande exemplo como resultado final. Seguramente faría falta outra lexislatura para completar os proxectos, pero penso que na parte ambiental fixéronse decretos e propostas moi importantes, tamén no eido educativo.