Medran as voces críticas con Baltar no PP: o ex alcalde Jesús Vázquez considérao "unha traba enorme"

A Vázquez non lle "sorprenden" as últimas polémicas do presidente da Deputación, pois "os escándalos levan aí moito tempo".
Manuel Baltar e Jesús Vázquez, nunha reunión durante a alcaldía do segundo en Ourense. (Foto: Concello de Ourense)
photo_camera Manuel Baltar e Jesús Vázquez, nunha reunión durante a alcaldía do segundo en Ourense. (Foto: Concello de Ourense)

Jesús Vázquez, o que fora alcalde de Ourense polo Partido Popular e previamente conselleiro de Educación baixo o mandato de Alberto Núñez Feixoo, criticou con dureza o líder provincial dos populares e presidente da Deputación ourensá, José Manuel Baltar, a quen considera "unha traba enorme" para o partido. Así o transmitiu nunha entrevista concedida ao dixital ourensán OU Ké, unhas declaracións enmarcadas nun contexto no que, aínda maioritariamente de forma soterrada, comeza a facerse evidente o malestar dentro das filas da formación conservadora contra o dirixente. Vázquez cre que a militancia "pide cambio".

De feito, Vázquez recibiu felicitacións públicas pola entrevista dalgúns compañeiros de filas a nivel local. Fabio Tabarés apunta, por exemplo, no seu Twitter: "Sereno, tranquilo e sen rancor. Así te percibín. Coa tranqulidade do que ten a conciencia tranquila e se sente libre". Durante a entrevista, Vázquez incide en que non acometer un cambio no liderado do partido na provincia suporía "seguir perdendo votos", e mesmo apunta á "refundación" do PP ourensán.

No que atinxe ás polémicas que afectaron o titular da Deputación nas últimas semanas, o ex rexedor admitiu que non lle causan "sorpresa" ningunha, porque "os escándalos levan aí moito tempo". E se ao candidato local nos últimos comicios, Manuel Cabezas, defíneo como "unha desilusión", de Baltar afirma que é un político co que non comparte "as formas".

Tras rememorar episodios pasados nos que se sentiu maltratado desde un punto de vista político e mesmo persoal —o seu distanciamento con Baltar é público—, Vázquez defendeu que a Deputación debe estar "en mans do PP", dado que "ten a maioría, non absoluta, pero si esmagadora". Iso si, desexaría que non seguise o actual presidente á fronte. "É a miña opinión", aseverou, convencido de que non hai ninguén "insubstituíbel".

De Luís Menor, alcalde de Pereiro de Aguiar, que soou como posíbel alternativa —o propio presidente Alfonso Rueda evitou dar por fechado que Baltar vaia ser o candidato a presidir de novo a Deputación, así como a secretaria xeral do PP, Paula Prado—, esgrimiu que considera que é "unha gran persoa, un gran xestor e un traballador nato e honrado".

Xácome: "Críticano agora porque o ven débil"

Mentres que no ámbito local vai medrando a percepción de malestar con Baltar, Gonzalo Pérez Xácome, alcalde en funcións e candidato do partido máis votado na capital ourensá o pasado 28 de maio (Democracia Ourensá), pronunciouse no seu perfil de Twitter a respecto desta polémica.

"Chámame a atención que varios militantes do PP, varios, critiquen a Baltar en público, xusto agora que o ven débil ou cheiran a súa caída. Onde estaban esas voces todos estes anos? A covardía é útil para subsistir, non para cambiar o mundo", apuntou.

Comentarios