Dúas candidaturas compiten nas primarias de Podemos na Galiza

Sumar non conta coa formación morada para as eleccións galegas.

O ferrolán Borja San Ramón (Foto: Nós Diario).
photo_camera O ferrolán Borja San Ramón, secretario xeral de Podemos (Foto: Nós Diario).

A falta de coñecer a súa fórmula de concorrencia ás eleccións galegas, Podemos arrancou na segunda feira o seu proceso de primarias para a escolla de candidatos e candidatas para os comicios do 18 de febreiro.

Estes escolleranse mediante o sistema de listas fechadas, entre as propostas presentadas na segunda feira. A posibilidade dun acordo con Sumar para acudir as eleccións semella cada día máis lonxe.

As persoas da formación morada inscritas deberán optar entre un mínimo de dúas listas. Unha delas está impulsada desde o sector da organización ligado ao seu actual secretario xeral, Borja San Ramón, e a outra é promovida desde o colectivo interno Rexurdir Podemos.

A data da votación, que será telemática, está fixada para a quinta e sexta feira de 28 e 29 de decembro, dándose a coñecer os seus resultados ao longo do sábado 30.

Rexurdir Podemos

O colectivo Rexurdir Podemos avanzou mediante un comunicado nas súas redes sociais a decisión de formalizar unha candidatura “porque cremos firmemente noutra forma de facer política e que temos a responsabilidade de levala ao Parlamento galego”.

Ao tempo, denunciaron que as primarias se convoquen por listas fechadas, mecanismo inédito na formación que consideran que incumpre o regulamento interno, e defenderon “as listas abertas e coa posibilidade de que as persoas que non queiran ir en ningunha poidan presentarse tamén”.

Podemos non desbota ningunha fórmula de coalición para as galegas. Porén, as súas posibilidades redúcense ante a negativa de Sumar a pactar coa formación morada, tras a saída desta do grupo que partillaban no Congreso español.

Comentarios