18-F

Isabel Faraldo propón “avanzar” na lei de benestar animal

“Témolo claro, non ás touradas e non á caza indiscriminada”, insistiu Faraldo.

Isabel Faraldo, esta sexta feira, nas instalacións da Asociación Gatocan. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Isabel Faraldo, esta sexta feira, nas instalacións da Asociación Gatocan. (Foto: Nós Diario)

A candidata de Podemos á Presidencia da Xunta da Galiza, Isabel Faraldo, visitou esta sexta feira as instalacións da Asociación Gatocan en Coirós (As Mariñas) para mostrar o seu compromiso “coa cultura do bo trato e do respecto aos animais” e para trasladar as súas propostas en materia de benestar animal..

Así, no refuxio da asociación que Faraldo considerou un dos colectivos “que máis aposta e máis referenciais neste ámbito”, a candidata da formación morada explicitou o seu compromiso a prohibir a participación e a exposición a persoas menores de idade nas actividades que supoñan “violencia, crueldade e sufrimento dos animais”, como son as touradas e a caza, dixo. “Témolo claro, non ás touradas e non á caza indiscriminada”, insistiu Faraldo.

A candidata tamén propuxo a posta en marcha de programas de sensibilización, en especial dirixidos a unha poboación escolar para que “entre nesta nova cultura de coidado e de benestar”.

Outro dos aspectos destacados por Faraldo foi o desenvolvemento do regulamento da Lei de benestar animal no marco dos avances producidos. “A Lei de benestar animal ficou curta. Temos que comprometernos a avanzar moitísimo máis”, dixo, sinalando a “enorme presión” dos lobbies de caza para que esta disciplina estivera exenta da normativa.

Nesta liña, a candidata de Podemos sinalou como “importantísimo” para a formación a “rescisión e supresión de calquera axuda por parte da Xunta da Galiza a entidades, colectivos ou particulares que promovan a exposición de persoas menores de idade a violencia sobre animais”. Finalmente, Faraldo propuxo a creación dunha Estratexia Galega de Protección Animal.

 

Comentarios