Feixoo di que as eleccións dependen dos "datos do estudo epidemiolóxico" e os riscos dun rebrote

Asegura que poden ser "antes ou despois de agosto". Rexeita as críticas da oposición e afirma que seguirá comparecendo dúas veces ao mes no Parlamento.

O titular do Goberno galego na videoconferencia co presidente do Goberno español (Europa Press)
photo_camera O titular do Goberno galego na videoconferencia co presidente do Goberno español (Europa Press)

A rolda de prensa do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, posterior á novena reunión co titular do Goberno español, Pedro Sánchez co resto de presidentes dos gobernos autonomicos non serviu para desvelar cando ten pensado convocar as eleccións galegas. A cuestión volveu a centrar o foco da atención despois de que esta semana Moncloa dese luz verde a facilitar a súa celebración aínda que fose durante o estado de alarma.

Preguntado polos medios de comunicación Feixoo asegurou que decidirá  a data en base aos "datos do estudo epidemiolóxico" que está a realizar na Galiza e os informes de experta e expertos que o Goberno galego encargou para decidir "se é máis razoábel" convocalas "antes ou despois de agosto" polo "risco dun rebrote".

Feixoo  afirmou na rolda que "estamos a falar de celebralas antes ou despois do mes de agosto”. Esta mesma semana o presidente galego, como o lehendakari Urkullu, apuntara a "escoller a mellor quincena" de xullo para que a cidadanía galega vaia ás urnas.

Rematou afirmando que "en canto o teñamos farémolo público", xa que "nos próximos días esperamos ter os datos da primeira onda de test e as expertos e expertos dirán se é máis razoábel un mes que outro", engadiu.

Seguirá comparecendo no Parlamento dúas veces por mes

Por outra banda, preguntado polas xornalistas, Feixoo respondeu ás críticas do resto de partidos con representación no Parlamento por non convocar unha reunión este domingo para trasladarlles os asuntos tratados na conferencia co presidente do Goberno español.

A este respecto, argumentou que irá comparecer dúas veces ao mes ao Parlamento da Galiza "e como consecuencia as reunións dos domingos quedan sen efecto", porque para el "non tería sentido" mantelas e "este é o consenso que rexe agora".

Tamén explicou que "se hai algún grupo parlamentario que queira coñecer detalles" sobre a reunión mantida con Pedro Sánchez, el "está disposición por vía telefónica para responder as súas dúbidas".

Comentarios