ÚLTIMO INTENTO DE UNIDADE

IpU e Foro vense neste momento en Compostela

Froito da conversa entre Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, e Xosé Manuel Beiras, portavoz nacional de Anova, está a ter lugar en Compostela unha xuntanza convocada por Iniciativa pola Unión coas formacións que integran o Foro Político.

Asemblea de Iniciativa pola Unión
photo_camera Asemblea de Iniciativa pola Unión

Advertiuno Xosé Luís Rivas “Mini” onte en rolda de prensa, “hai que queimar o último cartucho”. A reunión que está a ter lugar no restaurante Paz Nogueira, de Compostela, podería ser o último intento de configurar unha única candidatura galega ao Congreso. Esta xuntanza ten lugar após a conversa entre Vence e Beiras e nela participan, arestora, membros da Coordinadora de IpU con representantes do Foro Político.

Compromiso por Galicia desconvocou a xuntanza prevista para esta tarde en Compostela

Dado que a reunión convocada por IpU frutificou, Compromiso por Galicia desconvocou a xuntanza prevista para esta tarde en Compostela, “Compromiso por Galicia anula a súa convocatoria a plataformas e partidos e participará nunha reunión semellante pola mañá”, sinalaba durante a noite Xoán Bascuas nas redes sociais. “Xa dixen que nos dá igual a cor do gato sempre e cando cace ratos”, ilustraba, para salientar que o “primeiro obxectivo” está “conseguido”.

“Mini”, pola súa banda, apuntaba onte nas redes sociais que “non hai previsións do que pode acontecer. Non sabemos do talante de cadaquén despois de tanto rogarnos uns e outros”. “Seremos quen de dialogar? Eu conto que si. Hai máis cousas que nos unen das que nos arredan”, engadía.

Comentarios