Traballadoras de axuda a domicilio reclaman "dereitos xustos e dignos"

Varios centos de persoas manifestáronse esta quinta feira en Santiago de Compostela para reivindicar "dereitos xustos e dignos" no servizo de axuda no fogar.

Manifestación convocada por CCOO e UXT en Compostela (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Manifestación convocada por CCOO e UXT en Compostela (Imaxe: Europa Press)

Baixo o lema 'Pola defensa do sector de axuda no fogar da Galiza. Traballo e salario esencial', a manifestación convocada por CCOO e UXT saíu desde a sede dos sindicatos en San Lázaro até a Consellaría de Política Social, en San Caetano.

En declaracións aos medios ao comezo da marcha, a secretaria xeral de CCOO-Hábitat, Alejandra Xesto, remarcou que queren "conseguir uns dereitos xustos e dignos para este sector", ao que cualificou como un "sector precarizado e feminizado", xa que, segundo Xesto, o 98% son mulleres.

Tamén demandou como "reivindicación primeira e principal" que as empresas abonen o 6,5% da subida salarial polo IPC que "xa é seu por dereito", xa que se aprobou en marzo deste 2022.

Nesta liña, o secretario do sector sociosanitario de UXT-Servizos Públicos, Javier Martínez Fuentes, demandou que "queren que as empresas que se están lucrando á custa das traballadoras senten a negociar unhas condicións de traballo dignas".

Así o trasladarán na mesa sectorial do próximo día 20 de setembro, que terá lugar no Consello de Relacións Laborais. "Non imos consentir que se siga empobrecendo o sector", advertiu.

Expuxo a situación pola que están a pasar moitas das traballadoras deste sector, que "realizan máis de mil quilómetros no mes co seu vehículo" e non "poden asumir os gastos". Neste sentido, lembrou que desde que se asinou o último convenio até a actualidade "o combustíbel subiu máis dun 100% e séguenlles pagando 0,18 céntimos por quilómetro igual que hai 10 anos".

Xesto tamén puxo o foco na situación "de explotación e de precariedade obvia" pola que pasan as mulleres e recriminou que "o convenio ten que servir de ferramenta de axuda o sector".

Así, fixo un chamamento á Xunta para que "implemente cambios normativos" na Lei de dependencia e exemplificou que "as franxas horarias dos usuarios teñen que ter unha certa flexibilidade porque se non é imposíbel regularizar o sector".

Máis mobilizacións

Ambos os sindicatos alertaron que "se non hai avances" irán á folga, que xa fora convocada pero foi aprazada por un motivo de "paz social". Martínez, preguntado por máis posíbeis mobilizacións, indicou que "non descartan nada" e que na última reunión que tiveron no Consello Galego de Relacións Laborais, as patronais "fecháronse en banda" ante as peticións de ambos os sindicatos.

Así, aclarou que coa mediación conseguiron que a patronal "sente a negociar" a proposta que lle fixeron en maio, e cualificou este paso como "un logro". Para poder levar a cabo a negociación, Martínez explicou que a patronal pedira "paz social", de aí o motivo de que a folga que estaba prevista se aprazase.

Comentarios