18-F

Instan a Xácome a retirar un cartel anunciando obras cunha "clara connotación electoralista"

A XEC estima que os feitos son contrarios ao “principio de neutralidade”

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome. (Foto: Europa Press).
photo_camera O alcalde de Ourense, Pérez Xácome. (Foto: Europa Press).

A Xunta Electoral Central (XEC) estimou unha denuncia presentada polo Partido Popular en relación a un cartel colocado polo Concello de Ourense promocionando unhas obras na cidade e que, considera, ten unha "clara connotación electoralista" por parte do alcalde, Gonzalo Pérez Xácome.

En concreto, a denuncia presentada polo PP facía referencia a unha lona de "grandes dimensións" colocada na avenida das Caldas de Ourense coa mensaxe “Parque Coto de Canedo. Ourense en Obras”, que incluía unha infografía do posíbel resultado da obra e varias fotografías.

O cartel, co escudo do Concello de Ourense pero coas " cores" do partido Democracia Ourensá, apuntaba o PP, fai referencia a un proxecto que "aínda non está realizado" e nin sequera "a súa licitación adxudicada".

Tras revisar a información, a XEC determinou que o feito denunciado "ten unha clara connotación electoralista" xa que "o proxecto da obra aínda non está realizado nin, consecuentemente, tampouco está adxudicado o contrato para executala", á vez que o cartel "non contén información obxectiva e relevante para os servizos públicos nin para a cidadanía".

"Non se trata dunha información necesaria promovida por un poder público e dirixida á cidadanía para dar conta da posta en funcionamento dun servizo público, nin tampouco dunha campaña de información que resulte imprescindíbel para a salvagarda do interese público ou para o correcto desenvolvemento dos servizos públicos", estima a XEC.

A maiores, afea que as cores empregadas sexan, efectivamente, os mesmos de Democracia Ourensá, que concorre ás eleccións do próximo 18-F.

Por iso, considera que o alcalde de Ourense "está a utilizar este cargo público para facer campaña electoral e captar sufraxios para o partido político ao que pertence, con anuncios de obras que aínda non están iniciadas e utilizando a institución á que representa para tal fin", conclúe.

O feito, profunda, "é contrario ao principio de neutralidade dos poderes públicos", polo que insta o rexedor a "retirar de forma inmediata" o cartel.

Comentarios