mércores 27.05.2020

Os inscritos de En Marea decidirán se a formación se presenta ás eleccións

A formación considera que a situación "mudou" desde que decidiu non concorrer aos comicios do 5 de abril que foron suspendidos. Ademais, Pancho Casal e María Chao asumiron a portavocía.

Pancho Casal asume a portavocía canda María Chao (enmarea.gal)
Pancho Casal asume a portavocía canda María Chao (enmarea.gal)

Os inscritos de En Marea decidirán se a formación concorre ás eleccións autonómicas que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, contempla convocar para principios de verán trala suspensión da cita do 5 de abril, á que o partido decidira non concorrer.

Aprobouno neste sábado, 16 de maio, o Consello das Mareas nunha reunión telemática, segundo informou nun comunicado remitido aos medios. Este órgano acordou facer un chamamento a todos os espazos municipais e outras formacións políticas, da forma máis aberta posíbel, para coñecer o seu posicionamiento e implicación de cara ao proceso electoral.

A formación quere valorar a posibilidade de conformar unha plataforma electoral ampla á que, de así o decidiren os inscritos, se incorporaría, coa súa posición e liñas políticas en relación ás urxencias sociais, feminista e ambiental.

O partido instrumental lembra que anunciara que non participaría nos comicios que se deberían celebrar o 5 de abril "nun exercicio de responsabilidade" para "non fragmentar máis o voto da esquerda".

"Nestes meses a situación mudou e para En Marea evidenciouse que esas forzas políticas non son suficentes para conformar unha verdadeira alternativa a Feijoo que a cidadanía precisa nuns momentos tan difíciles coma estes. Falta moita xente", asegura.

Tamén sinala que nas asembleas telemáticas que a formación realizou a pasada fin de semana, con participación de "arredor de 150 persoas", "houbo un amplo consenso referente á que a situación política do país cambiou de xeito radical durante estes meses".

"Unha organización política, ante unha situación excepcional e histórica como a actual, debe ter un posicionamento claro e o seu proxecto para a reconstrución do país e para afrontar a nova normalidade", comenta.

Ante a "magnitude da decisión", o Consello das Mareas acordou a organización dun plenario telemático para que os inscritos tomen a decisión final sobre a participación electoral, "enfocando o debate sobre a pertinencia de concorrer, a forma de facelo e como artellalo".

Nova portavocía

No Consello das Mareas desenvolvido neste sábado tamén se tomou a decisión de que Pancho Casal e María Chao asuman a portavocía da formación, un cargo que ostentou até a súa marcha da política o maxistrado Luís Villares.

Ao respecto, Chao dixo que "é un orgullo formar parte dunha organización que pon o feminismo como eixo central e transversal das súas políticas, por iso é un orgullo tamén poder pórlle voz".

comentarios