O informe do secretario do Concello de Compostela avala que a expulsión de concelleiras do PSdeG foi ditada polo órgano competente

O pleno extraordinario no que as catro concelleiras serán apartadas do grupo municipal socialista terá lugar ás 9 horas da próxima sexta feira e nel debateranse, ademais, outros asuntos como a taxa turística.
Marta Álvarez, Mercedes Rosón, Mila Castro e Gonzalo Muíños, concelleiras do PSdeG expulsadas do grupo municipal chegan á vista coa dirección do PSOE, o 9 de maio de 2025, en Santiago de Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press)
Marta Álvarez, Mercedes Rosón, Mila Castro e Gonzalo Muíños, concelleiras do PSdeG expulsadas do grupo municipal chegan á vista coa dirección do PSOE, o 9 de maio de 2025, en Santiago de Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press)

O informe elaborado polo secretario municipal do Concello de Santiago sobre a situación das catro concelleiras apartadas do Partido Socialista (Mila Castro, Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños e Marta Álvarez) avala que "a sanción de expulsión definitiva do partido foi adoptada polo órgano competente".

O documento, que ten data do pasado 6 de maio, subliña que procede dar conta ao pleno da Corporación da adquisición da condición de edís "non adscritos". Todo iso "sen prexuízo doutro criterio superior en dereito".

O asunto foi levado á xustiza por parte das catro concelleiras, que reclaman medidas cautelares para frear a súa saída do grupo municipal socialista. Precisamente, a pasada sexta feira, os xulgados de Fontiñas acolleron unha vista entre o PSOE e as edís, cuxa resolución aínda está pendente e poderá afectar á condición destas catro representantes municipais.

No texto, o secretario, que conclúe que tras a documentación analizada a expulsión foi levada a cabo polo órgano competente, lembra que a Lei reguladora das bases do réxime local sinala que serán membros da corporación "non adscritos" aqueles concelleiros e concelleiras que non se integren no grupo que constitúa a formación electoral pola que foron elixidas.

Ademais, indica que, "cando a maioría dos edís dun grupo municipal abandonen a formación política que presentou a candidatura pola que concorreron ás eleccións ou sexan expulsados da mesma, serán os concelleiros que permanezan no citado partido os lexítimos integrantes dese grupo para todos os efectos". Este feito motiva que teñan esta condición as concelleiras afíns á dirección local, Gumersindo Guinarte e Marta Aval.

Aínda que sostén que o Concello "non pode fiscalizar a legalidade material da decisión baixo pena de interferir na autonomía da formación política", sinala que as resolucións da Comisión Executiva Federal do PSOE (nas que se determinada a expulsión) conteñen unha "motivación" e que foron "ditadas polo órgano competente".

Rexeita que se poida constituír un grupo mixto

O informe rexeita a posibilidade de que as concelleiras non adscritas se poidan integrar no grupo mixto tendo en conta que, conforme apunta, a normativa só contempla que teñan estas condición as concelleiras que concorresen ás eleccións municipais en formacións que non alcanzasen o mínimo de dous concelleiros para formar grupo propio.

Desta maneira, volve incidir en que as Lei de bases de réxime local é "absolutamente clara" ao atribuír a condición de "non adscritos" aos edís que sexan expulsados da formación coa que concorresen aos comicios.

Por todo iso, subliña que procede dar conta ao pleno da corporación da adquisición da condición de concelleiras non adscritas de Mila Castro, Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños e Marta Álvarez.

Convocatoria do pleno

O pleno extraordinario no que as catro concelleiras serán apartadas do grupo municipal socialista terá lugar ás 9 horas da próxima sexta feira e nel debateranse, ademais, outros asuntos como a taxa turística.

En primeiro lugar, segundo figura na orde do día, levará a cabo a toma en consideración do pase a situación das edís como non adscritas. Tras iso, abordarase a modificación da composición das comisións.

Unha vez finalizados estes puntos, someterase a votación a rectificación de erros do acordo de aprobación do cadro de persoal para 2025 e, por último, debaterase a aprobación da ordenanza fiscal que regulará a taxa turística.

Comentarios