Inés Rei será alcaldesa da Coruña cun goberno en minoría tras chegar a un acordo de investidura co BNG

En declaracións aos medios, o portavoz en funcións do goberno local da Coruña, o socialista José Manuel Laxe, e a concelleira electa do BNG Avia Veira anunciaron que ambas as formacións políticas chegaron a un acordo de investidura para conformar goberno na cidade herculina tras a reunión decorrida no consistorio.
Inés Rei celebrando os resultados electorais do pasado 28 de maio. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Inés Rei celebrando os resultados electorais do pasado 28 de maio. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A socialista Inés Rei repetirá como alcaldesa da Coruña tras o acordo alcanzado esta cuarta feira entre o PSdeG e o BNG para a investidura que terá lugar o sábado, día 17, coa constitución das novas corporacións locais.

Será un goberno en minoría, e non un bipartito, e despois de que os socialistas lograsen nas eleccións municipais 11 concelleiros, fronte aos nove do anterior mandato. O PP, que reclamaba liderar o goberno local como lista máis votada, obtivo 12 e o BNG catro.

En declaracións aos medios, o portavoz en funcións do goberno local da Coruña, o socialista José Manuel Laxe, e a concelleira electa do BNG Avia Veira anunciaron que ambas as formacións políticas chegaron a un acordo de investidura para conformar goberno na cidade herculina tras a reunión decorrida no consistorio.

"Inés Rei será alcaldesa da Coruña novamente respondendo a esa maioría social progresista que hai na cidade e que se traduce neses 15 concelleiros e concelleiras que durante catro anos conforman unha maioría evidente", sinalou Laxe.

"Vai ser un goberno en minoría, minoría socialista, dixo Laxe, quen precisou que hai "un acordo de investidura cunha serie de asuntos que son compartidos".

O portavoz destacou que ambas as formacións políticas estiveron "á altura" e os encontros mantidos foron "cordiais e produtivos". "Coa man tendida e un diálogo franco e aberto estas reunións culminan de forma satisfactoria", puntualizou.

"Conversas efectivas"

Na mesma liña, Veira falou de conversas "fluídas, áxiles e efectivas" entre os partidos e engadiu que o acordo de investidura ten que ser ratificado na asemblea xeral do BNG convocada para as 19.30 horas desta xornada.

Ambos os representantes políticos avanzaron que esta quinta feira día 15 darán conta "de forma detallada" deste acordo. Fixérono ao terminar a reunión, á que seguirá agora a definición dos "detalles organizativos".

Comentarios