18-F

Illa chama a apoiar Besteiro a todos os galegos "que queiran priorizar a sanidade", con "recursos" e "valentía"

En declaracións aos medios após un acto en Ourense, Illa sostivo que "Galiza necesita un cambio" para "abrir unha nova etapa" e "deixar atrás unha inercia negativa" para "buscar ilusión para o futuro".
Salvador Illa acompañou hoxe José Ramón Gómez Besteiro nun acto do PSdeG en Ourense. (Foto: Europa Press)
photo_camera Salvador Illa acompañou hoxe José Ramón Gómez Besteiro nun acto do PSdeG en Ourense. (Foto: Europa Press)

O líder dos socialistas de Catalunya, Salvador Illa, chamou esta sexta feira a apoiar o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, a todos os galegos e galegas que queiran "priorizar" a sanidade pública con "recursos" e "valentía". Nun acto sectorial sobre sanidade decorrido no Centro Sociocultural Marcos Valcárcel de Ourense, Illa apostou por priorizar a sanidade pública coa posta a disposición dos recursos necesarios.

"Como se fai isto? Escoitando o sector, porque non será posíbel abordar nada sen un exercicio de escoita aos representantes do sector", manifestou o que fora ministro de Sanidade durante a pandemia da Covid-19. Illa, que dixo que isto foi o que fixo o Executivo estatal durante a pandemia, tamén considerou necesario ter "valentía" para "tomar as medidas" que "haxa que tomar". "Non só dar recursos ao sistema, senón cambiar as cousas", apuntou, para logo asegurar que "son as liñas que se puxeron de manifesto coa Covid".

Despois de precisar que o outro asunto que non se debe esquecer é que a sanidade é unha "competencia autonómica", neste caso da Xunta, Illa apelaou a todas aquelas persoas que pensen que a sanidade "merece máis recursos" a dar a súa confianza a Gómez Besteiro.

"Galiza precisa un cambio"

En declaracións aos medios após o acto, Illa sostivo que "Galiza necesita un cambio" para "abrir unha nova etapa" e "deixar atrás unha inercia negativa" para "buscar ilusión para o futuro". "Unha etapa de conformismo e de resignación para abrir unha etapa de esperanza coa sanidade como protagonista, como a prioridade principal", dixo.

"E ese cambio, esa etapa de ilusión e de esperanza, esa prioridade cara á sanidade como unha política pública fundamental de cohesión da sociedade está a liderala José Ramón Gómez Besteiro", indicou. Tras iso, volveu a chamar aos galegos para dicirlles que, "un a un", acudan a votar o 18-F. "É o primeiro exercicio de compromiso cívico, ir votar, ir expresar a oposición e ir escoller o que un quere para o próximos catro anos", afirmou.

O catalán subliñou o seu apoio a Besteiro, ao que definiu como unha "persona limpa" e "transparente". "Un servidor público de primeiro nivel e coas prioridades moi claras", indicou para sinalar que é o que lle convén e o que necesita Galiza", apuntou.

A sanidade, "unha prioridade"

No acto, tomou a palabra o aspirante socialista a liderar San Caetano, quen considerou que Galiza se xoga o futuro en "moitos campos", especialmente na sanidade, após "15 anos de goberno do PP" que derivaron nunha situación de "desmantelamento" de sistema público. Na súa intervención, o político lugués considerou que "existen dous modelos", o da "austeridade", que "desencadeou os tesoirazos", fronte ao modelo do Partido Socialista, o partido que "creou a sanidade pública", que aposta polo seu defensa cunha mellor "organización e planificación".

"Nestes 15 anos por parte do PP, nin organización nin planificación", apuntou para asegurar que non hai igualdade entre cidadáns se non teñen a mesma oportunidade de acceso á sanidade. Así, censurou que hoxe haxa máis de 120 concellos sen asistencia pediátrica. Ademais, despois de incidir en que a súa primeira medida como presidente será a posta en marcha dun plan de choque para a sanidade, debullou algunhas das súas propostas nesta materia, como limitar a 48 horas a espera para ter unha cita de atención primaria, máis pediatras, recursos para a atención á saúde mental e mellores condicións laborais para os profesionais sanitarios.

Besteiro agradeceu a presenza de Illa na Galiza, co que asegurou "compartir ese orgullo de formar parte dunha nacionalidade histórica". Por último, preguntado sobre a ausencia do presidente da Xunta e candidato popular á reelección, Alfonso Rueda, do debate organizado por RTVE, volveu referirse ao do PP como un "candidato ausente" que "non quere dar a cara".

"Na campaña política os debates hai que facelos con normalidade, máis aló das opinións que se teñan ou das expectativas que se poidan ter derivadas dun debate", afirmou, para incidir en que "non quere dar a cara". "Eu vou dar a cara pola Galiza o próximos catro anos como presidente da Xunta", finalizou.

Comentarios