18-F

Iglesias e Espinosa lideran as listas do PSdeG na Coruña e Pontevedra mentres Ortega e dúbida en Ourense

As direccións socialistas na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra fixeron onte públicos os primeiros tramos das súas candidaturas ás eleccións galegas de 18 de febreiro, que incorporan a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen deberá renunciar ao cargo para acompañar a José Ramón Gómez Besteiro como número dous nesa circunscrición. Finalmente, o anterior secretario xeral da formación, Gonzalo Caballero, fica fóra das listas.

lara mendez
photo_camera Lara Méndez ocupará o número dous da lista do PSdeG por Lugo. (Foto: Europa Press).

Os primeiros postos das listas do PSdeG na Coruña, Lugo e Pontevedra responden á actual maioría que dirixe o partido desde o congreso de decembro de 2021. Neste esquema, explicaríase a decisión de apartar a última hora das candidaturas o anterior secretario xeral do PSdeG e candidato da formación á Presidencia da Xunta da Galiza en 2020, Gonzalo Caballero, cuxo nome foi proposto por unanimidade pola militancia da poderosa agrupación da cidade de Vigo.

Gonzalo Caballero dábase por seguro nas candidaturas do PSdeG após recibir o apoio das bases socialistas de Vigo o pasado 4 de xaneiro. Porén, o seu nome caeu polas resistencias expresadas pola dirección galega da formación, que segundo as fontes consultadas por Nós Diario non estaba polo labor de integrar no grupo parlamentario o cabeza do sector crítico da formación. Neste sentido, desde o seu círculo agardan explicacións do núcleo dirixente do partido na circunscrición de Pontevedra, en mans do sector do alcalde vigués, Abel Caballero.

As candidaturas do PSdeG en Pontevedra teñen un claro carácter vigués, destacando na cabeza das mesmas persoas do círculo de confianza do rexedor. Así, a lista pola circunscrición está encabezada pola concelleira viguesa e ex ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Medio Mariño, Elena Espinosa, situándose tras ela o deputado provincial e secretario do partido na cidade, Carlos López Font. Nos postos tres, catro e cinco situaríanse os actuais parlamentarios Paloma Castro, Julio Torrado e Leticia Galego.

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, é a gran sorpresa das candidaturas do PSdeG. Malia que desde hai días corría pola cidade o ruxe ruxe sobre a súa posíbel renuncia á Alcaldía para acompañar a José Ramón Gómez Besteiro como número dous do partido pola circunscrición, a decisión non foi confirmada até a xornada de onte. Méndez, persoa de máxima confianza de Besteiro, salta así a un posto que semellaba asignado á alcaldesa de Trabada (A Mariña) e responsábel de Economía do Goberno de Deputación de Lugo, Mayra García.

Relevo en Lugo

A marcha de Méndez da Alcaldía obriga a un relevo á fronte do Goberno local, onde gaña forza como substituta a actual concelleira de Urbanismo, Paula Alvarellos. Asemade, os socialistas de Lugo colocan nos postos tres e catro da candidatura a alcaldesa de Trabada, Mayra García, e o militante de Monforte de Lemos Miguel Tomé, fillo do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.

A candidatura socialista pola circunscrición coruñesa incorpora nos seus dous postos de cabeza a letrada maior do Consello de Contas Patricia Iglesias e o ex reitor da Universidade da Coruña Julio Abalde, cuxo nome aparecía en todas as quinielas após o seu significado papel na conferencia política do PSdeG do pasado decembro, onde a formación definiu o seu programa electoral para os comicios de febreiro.

Un perfil diferente a Iglesias e Abalde preséntano Silvia Longueira e Aitor Bouza, quen ocupan os postos tres e catro na circunscrición coruñesa. A primeira, directora da Fundación Luis Seoane e ex concelleira na Coruña, e o segundo, máximo responsábel do PSdeG en Compostela e antigo secretario xeral das Xuventudes Socialistas, partillan a súa proximidade ao secretario de Organización do partido, José Manuel Laxe Tuñas.

División en Ourense

Os socialistas ourensáns propuxeron por unanimidade para encabezar as listas na circunscrición de Ourense a parlamentaria Marina Ortega, persoa afín a Gonzalo Caballero e que sumou mais apoios entre as bases do partido. Porén, a dirección galega defende a Carmen Rodriguez Dacosta, persoa proxima a Gómez Besteiro, para liderar a candidatura

Comentarios