18-F

Gómez Besteiro afirma que lle porá fin á Galiza "das dúas velocidades"

Anuncia máis prazas e máis servizos ferroviarios.
David Regades, Carmela Silva, José Ramón Gómez Besteiro e Abel Caballero, esta quinta feira, en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera David Regades, Carmela Silva, José Ramón Gómez Besteiro e Abel Caballero, esta quinta feira, en Vigo. (Foto: Nós Diario)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou esta quinta feira en Vigo que "rematará coa Galiza das dúas velocidades" cando chegue ao Goberno galego e que o seu traballo traducirase en melloras "inminentes" para o tren no país.

Besteiro e o alcalde vigués, Abel Caballero, ofreceron declaracións aos medios na explanada do centro comercial Vialia en Vigo, que no seu interior ten a estación intermodal, logo de manter unha reunión conxunta onde analizaron os desafíos da cidade. O candidato remarcou que "os intereses de Vigo son tamén os intereses da Galiza e eu estou disposto a defendelos onde sexa e con quen sexa" unha vez chegue á Presidencia da Xunta.

Desde este lugar, destacou que nas últimas semanas mantivo reunións co presidente de Renfe e co ministro do ramo:  "Tratamos esa nova década do ferrocarril e do tren na Galiza, novos traxectos, máis prazas de viaxeiros para o Eixo Atlántico e, en definitiva, toda a composición de como queda a rede ferroviaria", sinalou.

Preguntado pola prensa a respecto das manifestacións de Alfonso Rueda sobre un hipotético Goberno inestábel de esquerdas na Galiza, o candidato do PSdeG tirou de ironía: "Non sei como van as negociacións do PP con Vox ou con Democracia Ourensá, nin os acordos que teñen". Besteiro aseverou que a "illa de estabilidade" da que presume Ruedana Galiza "é similar" á "estabilidade e paz" que hai "nalgúns cemiterios", nos que "nada crece".

Así, subliñou que, a etapa do PP na Xunta foi de "anos perdidos", nos que "nunca" se recuperaron os niveis de emprego que había antes e nos que 60.000 mozas e mozas "fuxiron" da Galiza. "Eu non quero iso para o meu país, non quero esa estabilidade, prefiro máis actividade".

Comentarios