Guillerme Vázquez ve aínda tolerancia coa corrupción: "Á hora da verdade vólvese votar masivamente os mesmos corruptos"

O presidente da Fundación Galiza Sempre, Guillerme Vázquez, di nunha entrevista concedida á Radio Galega que face as escasas responsabilidades políticas e penais en casos de corrupción "ten que haber castigo social" porque, di, "ou a xente castiga esas prácticas ou seguirán existindo". 

Guillerme Vázquez [Imaxe: Riobó Prada]
photo_camera Guillerme Vázquez [Imaxe: Riobó Prada]

Guillerme Vázquez participou esta terza feira no programa Galicia por Diante da Radio Galega. O presidente da Fundación Galiza Sempre abordou o problema da corrupción en conversa co xornalista Kiko Novoa. 

En relación ao levantamento do segredo de suamario da Operación Pokemon e dos últimos dados coñecidos, o que foi portavoz do BNG entre 2009 e 2013 asegurou que embora "o problema da corrupción" ser "bastante" xeralizado, "porque hai corruptores e corruptos", tamén existe --dixo-- "un deliberado labor ideolóxico e político para transmitir á xente a idea de que a política é un noxo, que todos os políticos son iguais". 

Para Guillerme Vázquez esta "estratexia" visa espallar entre a sociedade a idea de que tod@s @s representantes públic@s son "corruptos" e criticou aquelas voces que "falan dos políticos" en troca "das políticas" que coidou, "é o importante".

"Existe un deliberado labor ideolóxico e político para transmitir á xente a idea de que a política é un noxo, que todos os políticos son iguais"

Neste senso, o presidente da Fundación Galiza Sempre amosouse certo de que é a sociedade a que "debe tomar cartas no asunto" face as escasas responsabilidades políticas e penais que deveñen dos casos de corrupción. 

Vázquez sinalou que, ao seu entender, "a sociedade é moi tolerante" con estas prácticas pois, dixo, "pódese estar despotricando moito, pondo o grito no ceo, mais á hora da verdade vólvese votar masivamente aos mesmos corruptos". Neste senso, indicou que "debemos reflexionar colectivamente" e das un "castigo social" porque, apuntou, "ou a xente castiga esas prácticas ou seguirán existindo". 

Comentarios