Guillerme Vázquez pediu a dimisión de Feijóo

O portavoz nacionalista denunciou a actual situación e falou do goberno galego, a democracia, Europa e os retos do BNG. Tamén anunciou que o Consello Nacional aprobou o recoñecimento como colectivos organizados no seo do BNG do Movemento Galego ao Socialismo e de Abrente, Esquerda Democrática Galega.
Consello Nacional do BNG

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, abriu hoxe o Consello Nacional do BNG cunha intervención na que analisou o traballo realizado pola formación nacionalista desde a anterior sesión plenaria do máximo órgao entre asembleas.  Anunciou que o Consello Nacional aprobou o recoñecimento como colectivos organizados no seo do BNG do Movemento Galego ao Socialismo e de Abrente, Esquerda Democrática Galega, e pasou a valorar a situación da Galiza como de "de emerxencia nacional" por termos "o pior goberno da historia". O portavoz nacional acusou directamente a Feijóo de ser corresponsábel da case que inevitábel “expatriación do aforro galego”, espolio que se vai producir no medio do “escándalo das indemnizacións multimillonarias” dos directivos e da estafa das participacións preferentes, “sen que en ningún momento Feijóo teña reaxido”. Non se esqueceu dos cambios e inseguridades do propio presidente da Xunta no tema das caixas e as súas actuacións os últimos días. "Señor Feijóo, Comisión de Investigación, xa!”. exixiu.

Guillerme Vázquez considera que este é o "pior goberno galego da historia"


Democracia e Europa
Guillerme Vázquez considera que "obstruír as ILPs sobre a sanidade ou preescolar na casa” é unha actitude que "limita o exercicio da Democracia". Como apuntamento denunciou que o "esperpento" de goberno demóstrase por ter un conselleiro de Industria "que ten a súa propia industria, pero en Portugal!”. Tamén lembrou as promesas electorais que agora Feijoo repite "sen ter realizado" as anteriores, en referencia oa anuncio de construción de once centros de saúde.
Sobre o tema do rescate da banca, o portavoz nacionalista acusou a Bruxelas de "non salvaron o pobo galego do espolio que non cesa" e pasou a enumerar os recortes que virán. "A partir de mañá, haberá que pagar máis polos medicamentos. Subirá a luz un 4 por cento. Aumentará tamén o prezo do gas. O da bombona de butano nun 6 por cento. E no horizonte agárdanos o aumento do IVE. Subirán os prezos de todos os produtos, tamén os de primeira necesidade, nun contexto en que os salarios continuarán a descer”, dixo Guillerme Vázquez.

25 de xullo
O BNG está a traballar “moito e ben”, asegurou o portavoz nacional, "e debemos traballar aínda máis e mellor” porque, asegurou, a grave situación de crise económica e social “así o require”. Para Guillerme Vázquez as tarefas do vindeiro período para o BNG son “combater politica e socialmente as desastrosas políticas do PP e difundirmos as nosas alternativas”. No imediato, sinalou, o desafío é o de facer do Día da Patria Galega “un gran día de mobilización baixo o lema de Rescata os Teus Dereitos. En Bloque Podemos”.

Comentarios