Goretti Sanmartín: "Imos pedir a declaración de Santiago como zona tensionada de aluguer, o que permitiría unha regulación de prezos"
A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei, acudiu esta sexta feira á redacción de Nós Diario para participar do primeiro 'Café con Nós', un encontro con xornalistas que conforman este medio e polo que continuarán a pasar referentes da vida política, social, cultural... Nós Diario inaugura este formato o 8 de Marzo e faino coa primeira rexedora da capital da Galiza e activista de longa traxectoria no movemento feminista galego.
Alcaldesa, nacionalista, feminista, filóloga, profesora universitaria e unha persoa dialogante na procura de acordos, á vez que firme na determinación até alcanzar os seus obxectivos. Goretti Sanmartín Rei (A Estrada, 1964) é desde 2023 a primeira muller alcaldesa da capital da Galiza. Recoñece que bota de menos a docencia, mais asegura que “é algo que sempre está comigo”. Defende os dereitos das mulleres, o idioma e os proxectos que melloren a vida das persoas.
—Neste 8 de Marzo aínda fica moito que reivindicar e lograr, mais cando comezara no movemento feminista sendo estudante de Filoloxía, pensaba que Santiago de Compostela estaría dirixida por unha muller?
É unha anomalía histórica que agora teñamos que estar falando de que Compostela ten unha alcaldesa feminista, isto tiña que terse producido moito antes. Cando estaba nos grupos de mulleres na Universidade viámonos cunha forza e unha capacidade de cambiar o mundo en tempo máis pequeno, e o certo é que ao final acabamos vendo como nos avances conseguidos polo movemento feminista hai sempre momentos adiante e atrás. Estamos no momento dunha involución terríbel, de teorías que negan mesmo a perspectiva de xénero. Daquela pensaba que Santiago de Compostela tería unha alcaldesa moitísimo antes, igual que pensaba que a Universidade de Santiago tería unha reitora, que aínda non tivo. Son anomalías históricas en pleno século XXI.
—Que mulleres tiña entón como referentes e cales agora?
Lembro con especial forza o que significou que viñera María Xosé Queizán a falarnos á Universidade. Era unha figura daquela moi pouco coñecida que tiña unhas ideas que non escoitaramos nunca. Había outras figuras importantes xa no nacionalismo galego que estaban desenvolvendo un papel importante no Parlamento como María Pilar García Negro. No movemento asociativo e feminista Nanina Santos ou Rosa Basabe e Begoña Caamaño na loita feminista. Hoxe temos mulleres como Ana Pontón, feminista e política que está aí dando todo e pelexando sempre polas mulleres. Tamén un grupo de mulleres moi novas vinculadas ao BNG que son unha xeración que vén pelexando con forza. Pero hai moitas mulleres anónimas que son referentes e que constrúen país no día a día.
Hai moitas mulleres anónimas que son referentes e que constrúen país no día a día.
—Neste tempo mudaron tamén os usos do galego. Que se pode facer para normalizarse o idioma logo da labazada dos datos do Instituto Galego de Estatística?
Era unha labazada esperada, todo o mundo sabía que a situación do galego ía a peor porque houbo políticas lingüísticas e decisións políticas que fixeron que fose a peor. Se o que fas é retirar o galego de certos ámbitos do ensino, non potencias que as crianzas teñan relación diaria co galego -que era e segue a ser unha obsesión do PP- sabiamos que camiñabamos cara aí. A pregunta é se hai posibilidade de reverter esa situación, e está claro que si. O mellor sería que o Goberno galego collese as rendas, modificase as normas e escoitase a maioría da poboación que non quere perder o idioma. Os Concellos poden ser unha panca, agora ben, as competencias están fundamentalmente na Xunta e os Concellos teñen que estar aí alentando, reclamando e demandando que a Xunta cumpra con este país. Se o país existe é por obra e graza do idioma.
—Moitos comercios locais fóronse convertendo en tendas turísticas. Como recuperalo?
Santiago non se entende sen o comercio. Hai que facer moitas cuestións para rehabilitar o comercio e para recuperar esas zonas comerciais. Hai que facelo na zona histórica, no Ensanche e tamén nos barrios. Hai que promover que os comercios que dan servizo á xente que vive aquí sexan unha prioridade, que non poidan desaparecer. Por iso estabelecemos unha moratoria na cidade histórica para estudar cales son os usos comerciais que hai, cales son comercios emblemáticos que non poden desaparecer. Con todo ese estudo delimitaremos zonas comerciais e espazos emblemáticos que protexer de maneira especial.
—A ordenanza para limitar as vivendas de uso turístico (VUT) foi tan polémica como pioneira. Aprécianse xa cambios?
A regulación deses usos asimilados a hospedaxe para vivenda é moi importante, bebe do traballo xa feito de gobernos anteriores e estase comezando a ver como algún parque inmobiliario pasa ao aluguer, pero vai tardar un certo tempo. O que precisamos agora tamén é a colaboración da Xunta da Galiza, porque no rexistro Rexistro de empresas e actividades turísticas (REAT) de vivendas de uso turístico non se solicita que teñan un título habilitante municipal, co cal nese rexistro hai moitas máis vivendas das que debería. Estamos pedindo á Xunta que dea de baixa de maneira automática estas VUT.
—A vivenda é hoxe unha gran preocupación na sociedade, como cortar a crise actual?
A vivenda é a preocupación maior da xente hoxe e fai que nós tamén nos poñamos a traballar en cuestións como a declaración de Santiago como mercado tensionado. Cúmprense varios criterios para que a Xunta así o declare. Hai estudos obxectivos que encargamos que sinalan que dous deses criterios cúmprense, como a suba dos prezos dos alugueres superior á media do IPC nos últimos anos, ou os gastos básicos por aluguer que están superando o 30% dos ingresos das familias, eses temas supéranse en todo o territorio e polo tanto imos solicitar esa declaración co que iso pode supor de regulación de prezos. É un elemento fundamental, pero tamén a rehabilitación. Vimos de aprobar uns orzamentos con máis de 4 millóns de euros para políticas de rehabilitación de vivenda.
—Conseguiu que a Xunta aceptara permitir aos Concellos ter unha taxa turística. Cando estará operativa e como vai funcionar?
Foi das primeiras cousas que fixemos, levamos á Xunta unha proposta na primeira reunión que tivemos co presidente, pero non lle serviu, dixo que tiña que ser diferente, cun modelo no que non coincidimos, pois o normal é que fose un imposto autonómico. Partiamos dunha situación diferente, mais agora vai ser o propio Concello quen teña que facer toda a recadación. Temos xa un borrador de ordenanza de imposto de estadías turísticas e agora imos convocar todos os sectores afectados para dar o paso final para a súa aprobación. Sabemos que vai ser un elemento pioneiro e de vangarda.
Os concellos debemos dar un paso á fronte e exixir ao Estado a transferencia xa da AP-9 e gratuidade inmediata das peaxes.
—Convocou nestes días concellos a facer unha fronte común pola gratuidade da AP-9. Finalmente a reunión vaina convocar a Federación Galega de Municipios e Provincias, cal vai a ser a estratexia a seguir?
O fundamental é que a reclamación de transferencia e gratuidade da AP-9 ten que ser do conxunto dos concellos galegos. O Parlamento xa se pronunciou por unanimidade e non ten sentido que se fagan pronunciamentos parciais. O normal é que os concellos afectados -todo o país- deamos un paso á fronte e exixamos ao Estado a transferencia xa da AP-9, gratuidade total das peaxes de maneira inmediata. Nisto hai que ter unha posición de país para que o Goberno do Estado escoite.
—Como ven desde Compostela os proxectos de Altri e a Mina do Pino e Touro?
Preocúpanos moito, sustentabilidade ambiental e económica son criterios de país que nos afectan a todas. É surrealista que isto siga adiante habendo unha contestación social tan forte e impedindo revitalizar o rural. O Goberno ten que apoiar a xente que vive alí e non estas megainstalacións que van destruír o territorio, e sen ningunha conciencia ambiental. A Xunta quere facer un macroeucaliptal de todo o rural e que nel non viva xente. A sociedade galega falou alto e claro, non se entende que nestas alturas non estean paralizados eses proxectos.
—Aprobáronse os orzamentos municipais logo de moito negociar cun Partido Socialista con catro de seis edís expulsados e expulsadas. Como será a relación no que queda de mandato?
A respecto do PSdeG estamos nun proceso que pode rematar coa expulsión definitiva de catro concelleiros e concelleiras e pode ser, ao parecer, que fiquen formando parte da Corporación. Nós seguiremos mantendo relacións con todo o mundo, entendendo que este grupo é socio prioritario e ao que teremos en conta para as cuestións que precisan de acordo plenario.
—Sinala que o financiamento que recibe Santiago de Compostela é menor do que lle correspondería por capitalidade...
Santiago merece un trato digno, e ese trato está obxectivado en estudos económicos que xa marcaron hai anos que tiña que superar os 5 millóns de euros. Actualizamos ese estudo e marca agora máis de 8 millóns de euros. A Xunta ten que cumprir a lei do Estatuto da Capitalidade que exixe que se reúna anualmente o Consello da capitalidade e se ditamine cal é a cantidade que nos corresponde con estudos económicos obxectivos. Os 2,6 millóns que temos son insuficientes, é a cantidade máis baixa de todas as cidades que cobran por capitalidade en todo o Estado español. Exixímoslle ao presidente da Xunta que convoque o Consello da capitalidade xa.
Os estudos na Estrada e en Compostela marcaron o amor pola cultura de Sanmartín
Goretti Sanmartín naceu e estudou na Estrada (Tabeirós-Terra de Montes), da súa época no instituto lembra ter “un profesorado moi comprometido coa lingua, coas ideas feministas e coa participación”. A agora alcaldesa de Compostela, asegura que tivo na Estrada “profesoras e profesores que me marcaron, que me deixaron pegada”. Estudou Filoloxía Galega en Compostela, nunha época como universitaria que a permitiu entrar en contacto “con todos os grupos de mulleres da universidade”. Lembra os seus anos de universitaria en Compostela como “unha época de grande efervescencia”. Atribúe a súa debilidade e o seu gusto pola cultura aos anos vividos na Estrada, acrecentado coa súa chegada á capital. O seu ocio favorito segue a ser a lectura, a narrativa oral -que practica todo o tempo que pode coa súa afillada máis pequena-, e recoñece que asistir a un concerto ou ir ao teatro “é un dos maiores praceres que temos os seres humanos”.