Goretti Sanmartín, nova coordenadora da Executiva do BNG

Realizou a súa primeira reunión a flamante Executiva Nacional saída de Palexco e repartíronse as carteiras entre os seus membros. Goretti Sanmartín coordenará os traballos do órgao de dirección da fronte.

Executiva Nacional BNG. Primeira reunión após a XVI Asemblea Nacional. 3 de abril de 2017.
photo_camera A nova Executiva Nacional do BNG

Chegan as mudanzas ao órgao executivo do Bloque após a XVI Asemblea Nacional. A Executiva pasa de 15 a 19 membros e as áreas e secretarías do período anterior tórnanse agora en coordenacións, unha figura nova no artellamento da dirección frentista. Ao fronte da Coordenación Xeral da Executiva aparece Goretti Sanmartín. A atribución das distintas responsabilidades foi aprobada por unanimidade.

Críase tamén unha Coordenación de Iniciativas Políticas Locais, nova función que recae en Carme da Silva, concelleira do BNG en Pontevedra. Con esta nova responsabilidade o BNG quer facer fronte ao "primeiro reto" eleitoral que ten por diante, o das municipais de 2019, explica a organización en nota de imprensa.

Hai dúas novas carteiras no órgao que lidera Ana Pontón: a Coordenación da Estratexia Galiza Avanza, con Néstor Rego ao fronte, e a Coordenación de Participación e Movimentos Sociais, responsabilidade de Susana Camba.

A Estratexia Galiza Avanza é a folla de rota impulsada en Palexco e coa que o BNG planifica o alargamento da base nacionalista no país durante o período 2017-2020.

A nova Executiva Nacional pasa a se conformar con estas persoas e responsabilidades:

1. Ana Pontón Mondelo. Portavoz Nacional do BNG
2. Goretti Sanmartín. Coordenadora da Executiva
3. Bieito Lobeira. Coordenador de Organización
4. Eva Vilaverde. Coordinadora de  Acción Municipal
5. Xavier Campos. Coordenador de Comunicación
6. Olalla Rodil. Vice-coordenadora de Comunicación
7. Olaia Ledo. Vice-coordenadora de Comunicación
8. Noa Presas. Coordenadora de Acción Feminista
9. Obdulia Diniz. Coordenadora de Finanzas
10. Montse Prado. Coordenadora de Institucional no Parlamento de Galiza
11. Carme da Silva Méndez. Coordenadora de Iniciativas Políticas Locais
12. Ana Miranda. Coordenadora da Área de Relacións Internacionais
13. Rubén Cela. Coordenador da Área de Relacións Internacionais na península
14. Xosé Luís Rivas. Coordenador de Medio Rural
15. Néstor Rego. Coordenación da estratexia Avanza Galiza
16. José Emilio Vicente. Coordenador de Análise e Iniciativas Políticas
17. Xosé Manuel Marcote. Coordenador de Área de Participación e Transparencia
18. Luís Bará. Coordenador de Formación.
19. Susana Camba. Coordenadora de Relacións con Movementos sociais.
 

Comentarios