A Democracia Ourensá de Xácome lánzase á política nacional e concorrerá ás eleccións galegas

"Queremos ser decisivos para conseguir que a Xunta da Galiza aplique unha discriminación positiva na provincia de Ourense", avanza o alcalde ourensán, que valora agora de que forma se presentará aos comicios.
Gonzalo Pérez Xácome, líder de DO, en rolda de prensa após reunirse co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o pasado 4 de outubro. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Gonzalo Pérez Xácome, líder de DO, en rolda de prensa após reunirse co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o pasado 4 de outubro. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Após lograr o pasado 28 de maio ser por vez primeira a forza máis votada en Ourense, a Democracia Ourensá (DO) de Gonzalo Pérez Xácome está disposta a volver dar o salto á política nacional concorrendo cunha candidatura propia a unha cita coas urnas que aínda non ten data, pero que se convocará antes do verán de 2024. O propio rexedor vén de confirmalo a través das redes sociais, asegurando con este movemento busca pór fin á "discriminación" que en numerosas ocasións denunciou que padecen tanto a cidade das Burgas como o resto de concellos da circunscrición ourensá.

"O obxectivo é ser decisivos no futuro Goberno e no Parlamento galego, para conseguir que a Xunta da Galiza aplique unha discriminación positiva na provincia de Ourense", dixo. Este anuncio chega só unha semana despois de que se reunise co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para abordar diferentes cuestións relativas a Ourense e coa convocatoria electoral aínda no ar pero cada vez máis próxima. Segundo informa a Cadena SER, en DO valoran agora a forma na que se presentarán aos comicios, se ben coas súas propias siglas ou perante unha plataforma provincial.

Para obter cada un dos catorce asentos no Parlamento que se disputan na circunscrición de Ourense serían necesarios arredor de 10.000 votos, polo que Xácome considera que DO aseguraría dous deputados, realizando unha extrapolación dos votos da formación nas pasadas municipais, nas que obtivo case 20.000 papeletas. "O noso obxectivo é estender o espectro en toda a provincia e loitar por un número superior a eses dous deputados virtuais", indicou, e trasladou que o "leitmotiv" é claro: "Ou loitamos contra a discriminación de Ourense, ou nos diluímos como pobo nesta terra deixada da man de Deus". A este respecto, alertou de que a provincia, "se non se remedia, podería baixar dos 300.000 habitantes nuns meses".

Na anterior cita electoral da Galiza, a de 2020, DO non se presentou e Gonzalo Pérez Xácome pediu o voto para o PP de Alberto Núñez Feixoo porque, ao seu entender, naquel momento era o candidato que "máis pode axudar aos intereses de Ourense". Dicíao poucos meses despois de que alcanzase un primeiro pacto cos populares —tras os comicios locais de 2019— para acceder á Alcaldía da cidade das Burgas a cambio de permitir que José Manuel Baltar ficase á fronte da Deputación. Iso a pesar de que durante a campaña ambas as formacións cruzasen duras acusacións, até o punto de afirmar Feixoo que para Ourense "sería letal" ter a Xácome de alcalde.

E tamén na última cita coas urnas, a das eleccións estatais do pasado 23 de xullo, Xácome, cuxo partido tampouco concorreu, manifestou publicamente en máis dunha ocasión a súa intención de meter no seu sobre a papeleta do Partido Popular e apoiar así o "único candidato natural de Ourense". "Espero que se logra presidir o Goberno central e Ourense deixe de ser a Cincenta de España", dixo, días antes da votación.

Porén, Democracia Ourensá non sempre ficou á marxe das convocatorias electorais que sobrepasaban o terreo municipal ourensán; todo o contrario. Nos comicios municipais de 2015, 2019 e 2023 concorreu coas súas siglas nos concellos do Pereiro de Aguiar e Barbadás, ambos os dous na comarca de Ourense, e na última cita logrou unha acta en Barbadás.

Aliás, presentouse tamén ás eleccións ao Parlamento da Galiza pola circunscrición de Ourense en catro ocasións: de 2005 a 2016, sen obter representación en ningún caso mais mellorando notabelmente os seus resultados en cada cita, pasando dos 623 votos que obtivo en 2005 aos 7.723 de hai sete anos.

Comentarios