Xácome anuncia que votará a Feixoo após reter a Alcaldía de Ourense grazas ao PP

Feixoo e Xácome protagonizaron ao longo dos últimos anos numerosos encontros e desencontros, pasando do "sería un alcalde letal para Ourense" pronunciado polo agora aspirante á Presidencia do Goberno español ao pacto asinado entre PP e DO para repartirse a Deputación e o Concello, respectivamente.
Gonzalo Pérez Xácome fíxose de novo co bastón de mando en Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Gonzalo Pérez Xácome fíxose de novo co bastón de mando en Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, empregou esta terza feira o seu perfil en Twitter para trasladar publicamente o sentido do seu voto nas eleccións estatais deste domingo, e asegurou o seu apoio ao "único candidato natural de Ourense", Alberto Núñez Feixoo. No seu sobre, pois, meterá a papeleta dun Partido Popular co que nos últimos meses tivo os seus máis e os seus menos, chegando a gobernar cos conservadores e logo a rachar con eles para, finalmente, asinar un pacto que o permitise ficar na Alcaldía a cambio de que o Luís Menor accedese á Presidencia da Deputación.

"Sen intención de pedir o voto ante as inminentes eleccións xerais (só faltaría!), a título persoal votarei polo único candidato que é natural de Ourense. Espero que se logra presidir o Goberno central e Ourense deixe de ser a Cincenta de España", dixo o alcalde e líder de Democracia Ourensá na súa publicación, afirmando que non quería "pedir o voto" á cidadanía.

Porque, de feito, o pasado 9 de xuño anunciara, tamén en Twitter, que a súa formación non apoiaría ningunha outra: "Como en pasadas convocatorias nacionais, Democracia Ourensana non acudirá ás inminentes eleccións xerais do próximo 23 de xullo. Non pediremos o voto a ningún partido, esperando que goberne quen mellor defenda a nosa provincia, a eterna Cincenta".

Así as cousas, non é a primeira vez que Pérez Xácome explicita o seu apoio a Núñez Feixoo, malia que a última vez a súa candidatura non era para o Goberno estatal, senón para a Presidencia da Xunta da Galiza en 2020. E fora, tamén, despois de lograr o apoio do PP para acceder á Alcaldía de Ourense un ano antes.

"Para Ourense sería letal ter a Xácome de alcalde", advertía Feixoo en 2019, antes das eleccións municipais e de mudar o seu parecer. Xa en febreiro do 2020, coas eleccións galegas á vista, o que xa era rexedor da cidade das Burgas grazas a un pacto de goberno co Partido Popular anunciaba en rolda de prensa a súa intención de votar por Núñez Feixoo.

"Non son quen para pedir o voto para ninguén se Democracia Ourensá non se presenta, pero a título persoal, como alcalde de Ourense, fago público que vou votar Alberto Núñez Feixoo", dixo, nunha comparecencia pública no salón de plenos, esgrimindo que o popular "é a persoa que mellor vai defender os intereses da Galiza, e a Ourense iso vaille a beneficiar".

Aliás, recoñecía que a transformación da cidade aínda non empezara a verse, polo que Democracia Ourensá non concorrería ás galegas xa que "non tería opcións", xustificando así a súa decisión de votar por Feixoo e aparcando as críticas cara á Xunta, a quen xunto ao Executivo español sinalaba —e segue sinalando— como culpábeis dunha "discriminación" a Ourense, subliñando que "é a Cincenta de España".

Comentarios