Na primeira xornada na que se permiten saídas ao aire libre, o voceiro da coalición Galicia en Común, Anova e as mareas, Antón Gómez Reino, destacou o exemplo cívico e de responsabilidade da cidadanía.
"Somos moitos as galegas e galegos que aproveitamos hoxe á mañá para activarnos, para camiñar, facer exercicio e coidarnos. Esa é a Galiza que queremos construír, a Galiza que se activou hoxe nas rúas para coidarse e coidar dos demais", asegurou nunha comparecencia emitida en redes sociais.
Gómez Reino solicitou ao presidente da Xunta, o popular Alberto Núñez Feixoo, que colabore co Goberno español e outras Administracións. "Demandamos un Goberno galego que estea á altura da sociedade", demandou, incidindo en que o presidente galego “dedicou a práctica totalidade da súa comparecencia a golpear outras Administracións".
Aprazamento electoral
O líder e candidato da coalición Galicia en Común acusou ao popular Núñez Feixoo de supeditar as súas propostas de escalada a "intereses electorais". Paralelamente, lembrou ao xefe do Executivo que a oposición agarda “unha resposta conxunta de funcionamento da Deputación Permanente”.
Co Parlamento da Galiza disolto despois da suspendida convocatoria electoral, os servizos xurídicos da Cámara determinaron que na Deputación Permanente, o organismo de garda, as forzas da oposición poidan controlar a acción do Goberno e presentar propostas.
"Precisamos un Goberno que exerza, que aprobe medidas. Alguén pode dicir unha soa da Xunta de Feixoo que nos axude a saír a diante como país e xuntas desta crise?", cuestionou Gómez Reino. As declaracións de Núñez Feixoo abrindo a porta a estender a súa lexislatura e aprazar a 2021 o proceso electoral provocou a "preocupación" da coalición que lidera.
“Non toca falar de eleccións, toca salvar vidas. Pero Feixoo non pode frivolizar de xeito tan absolutamente irresponsábel cun procedemento democrático", censurou o voceiro, instando ao presidente a amosar "madurez democrática, contención e responsabilidade".