O goberno galego gosta da adxudicación “a dedo”: 60% da licitación total

Os contratos adxudicados pola Xunta por procedemento aberto reducíronse á metade mentres aumentan os de adxudicación directa, 6% máis nun ano.

Edificios administrativos da Xunta
photo_camera Edificios administrativos da Xunta

A licitación da Xunta por procedemento aberto caeu en case 50% en apenas un ano, pasando dos 800 millóns de euros adxudicados por esta vía en 2016 aos 450 millóns do ano seguinte, 2017.

Unha variación que se deu mentres, en paralelo, aumentaba o uso dos contratos “menores” por parte do goberno galego, que supoñen 60 por cento da licitación total rexistrada en 2017, e que ademais aumentaron dende os 868 ata os 925 millóns entre 2016 e 2017. Un incremento de 6%, segundo os dados do deputado socialista  Juan Díaz Villoslada en pregunta parlamentar.

Os contratos menores son aqueles repartidos a dedo, sen publicidade, obriga de respectar prescripcións previas nin necesidade de solicitar un mínimo de tres ofertas en competencia a empresas privadas. 

Esta situación deriva da decisión do goberno galego de ampliar límite mínimo autoexixido para a adxudicación directa deste tipo de contratos. Entre 2013 e 2017, duplicou o límite de 9.000 euros para contratos de servizos e subministracións e de 25.000 por obras, que pasaron a ser de 18.000 e 50.000, respectivamente.

Comentarios