A partir da segunda feira

O Goberno estatal prohibe os desprazamentos que non sexan de forza maior

O Goberno estatal limitará a partir da próxima segunda feira ás 8 horas a libre circulación da cidadanía de todo o Estado como medida para frear a expansión do coronavirus.

EuropaPress_2704817_presidente_gobierno_pedro_sanchez_analiza_impacto_coronavirus_reunion
photo_camera Pedro Sánchez, nunha comparecencia a pasada quinta feira (Imaxe: Europa Press).

O Consello de Ministras e Ministros reunido de maneira extraordinaria este sábado aprobou un decreto polo cal só permitirá os movementos de persoas en casos concretos, limitando así a libre circulación a partir das 8 horas.

Sinálase que as persoas só poderán circular “polas vías de uso público” en oito supostos, entre eles, a adquisición de alimentos, produtos farmacéuticos e de primeira necesidade. Tamén se permite saír á rúa para acudir a centros sanitarios, para desprazarse ao lugar de traballo ou para voltar ao lugar de residencia habitual.

Permítese saír á rúa para a asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerábel, para acudir a entidades financeiras, “por causa de forza maior ou situación de necesidade” ou para “calquera outra actividade análoga de natureza debidamente xustificada”.

Os ministros de Defensa, Interior, Transportes e Sanidade terán as competencias para actuar e ditar ordes en todo o Estado baixo a dirección do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, durante o tempo que se prolongue o estado de alarma, durante os próximos 15 días.

Así, Fernando Grande-Marlaska, ministro de Interior, tomará o control da policía autonómica e da local. Poderá acordar de oficio o peche de estradas ou a restrición de vehículos e os axentes da autoridade poderán identificar persoas ou suspender actividades se saltasen as prohibicións, ademais de seren mobilizados xunto ás Forzas Armadas para garantir o subministro alimentario.

Sancións

Incumprir o estado de alarma baixo o cal se adoptan estas medidas será sancionado, tal e como se recolle no artigo 20 do borrador do Real Decreto que arestora discute o Consello de Ministros. O texto non especifica as sancións, mais remítese ao texto da lei no que se precisa que se o incumprimento é por parte dunha autoridade, esta pode perder parte das súas facultades.

Coñeceranse máis detalles cando compareza perante os medios de comunicación o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, cuxa comparecencia foi atrasada ao faceren os ministros e ministras un receso na reunión.

Urkullu pide respecto ao autogoberno

O lehendakari, Íñigo Urkullu, revelou este sábado que na sexta feira mantivo unha reunión con Pedro Sánchez para instalo a respectar o “modelo territorial do Estado, a configuración en base ao ordenamento xurídico e o autogoberno”. “Valorando a perfecta coordinación e comunicacións existentes no ámbito sanitario, resultaríame estraño que houbese outras directrices ou medidas do Goberno estatal”, engadiu.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, non sinalou nada ao respecto.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios