"Nin monarquía, nin Constitución": BNG, ERC e Bildu plantan a monarquía "herdeira da ditadura"

"Os valores republicanos de igualdade, xustiza, liberdade e democracia que tanto a cidadanía das nosas nacións como as maiorías populares do Estado compartimos só virán da ruptura coa herdanza monárquica e o réxime que dela emana", apuntan, nun comunicado.
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego; a de EH Bildu, Mertxe Aizpurua, e o de ERC, Gabriel Rufián. (Fotos: Europa Press)
photo_camera O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego; a de EH Bildu, Mertxe Aizpurua, e o de ERC, Gabriel Rufián. (Fotos: Europa Press)

Ao acto de xura da Constitución da Princesa Leonor de Borbón desta terza feira, precisamente o día no que alcanza a maioría de idade, non asistirá un importante grupo de deputados e deputadas que o consideran "anacrónico" e a perpetuación dun réxime monárquico do que discrepan. Non ocuparán os seus escanos os representantes de BNG, EH Bildu, ERC, Junts, PNV, Izquierda Unida nin Podemos —malia que si estarán presentes a líder da coalición Sumar, Yolanda Díaz; o ministro de Universidades, Joan Subirats, a vicepresidenta da Mesa, Esther Gil, e a portavoz parlamentaria, Marta Lois—. Tampouco os presidentes de Catalunya, Pere Aragonès, e Euskadi, Iñigo Urkullu.

E a primeira hora desta terza feira as forzas soberanistas BNG, EH Bildu e Esquerra Republicana emitiron un comunicado conxunto no que explicitan o seu rexeitamento ao acto protocolario da Casa Real e trasladan "a voz e o sentimento de millóns de persoas dos Països Catalans, Euskal Herria e a Galiza que nin recoñecen nin amparan o réxime monárquico español".

Unha monarquía, afirman, "herdeira da ditadura e peza fundamental do Réxime que implicou e aínda implica un ferrollo ás aspiracións nacionais e sociais das nosas nacións". E unha monarquía, engaden, "que non representa a sociedade vasca, catalá nin galega nin millóns de cidadáns e cidadás do resto de pobos do Estado español".

"Hoxe, as forzas soberanistas e independentistas vascas, galegas e catalás non participaremos do enésimo intento de perpetuar unha institución arcaica, opaca, que amparou sistematicamente a corrupción e que resulta contraria aos intereses populares como é a monarquía. Non participaremos na xura da Constitución da princesa Leonor. Non participaremos da lexitimación da Casa Real e os seus privilexios, nin da lexitimación da propia Constitución Española que nin recoñece nin respecta os anhelos presentes e futuros das maiorías sociais das nosas nacións", acrecentan.

Por estes motivos consideran que a monarquía española e os seus membros "constitúen un dos máximos expoñentes da negación dos dereitos civís, políticos e nacionais que asisten aos nosos pobos e á súa cidadanía, así como a expresión máxima da desigualdade, os privilexios e a impunidade frente ao resto de cidadáns e cidadás".

"Nin o rei nin as súas herdeiras contan coa lexitimidade das nosas sociedades e, en consecuencia, non lles recoñecemos ningunha función política nin institucional. A imposición e a negación foi a única receita dirixida por esta institución aos nosos pobos, como quedou de manifesto no discurso pronunciado o 3 de outubro contra a cidadanía catalá e o seu exercicio de decisión democrático", proseguen.

BNG, Bildu e ERC cren que a monarquía, independentemente de quen a encabece, "representa as elites frente á maioría; representa os privilexios frente aos dereitos; representa a impunidade frente á xustiza; representa a avaricia frente á igualdade e representa a imposición frente á democracia", valores todos eles, din, "contrarios ao sentir maioritario das nosas sociedades e das maiorías sociais do Estado".

"Os valores republicanos de igualdade, xustiza, liberdade e democracia que tanto a cidadanía das nosas nacións como as maiorías populares do Estado compartimos só virán da ruptura coa herdanza monárquica e o réxime que dela emana. Unha democracia real só será viábel desde o respecto e recoñecemento aos dereitos nacionais e sociais, ás liberdades e vontades democráticas de todos os pobos e nacións do Estado", conclúen.

Comentarios