18-F

A Galiza escolle entre 41 candidaturas de 11 partidos distintos

Hai catro anos, nos comicios de xullo de 2020, concorreron 56 listas.
Mesa electoral en Portomarín, O Páramo, Sarria. (Foto: Europa Press).
photo_camera Mesa electoral en Portomarín, O Páramo, Sarria. (Foto: Europa Press).

Os case 2,7 millóns de galegos e galegas que están chamadas este domingo, 18 de febreiro, a participar nas eleccións ao Parlamento da Galiza poden elixir entre un total de 41 candidaturas  de 11 partidos políticos diferentes.

Segundo publicou o pasado 23 de xaneiro o Diario Oficial da Galiza (DOG), a cita electoral enfrontará finalmente un total de 11 partidos, dos cales dez se presentan nas catro circunscricións. O undécimo é Democracia Ourensana, que se presenta só na de Ourense.

Cabe resaltar que hai catro anos, nos comicios de xullo de 2020, concorreron 56 listas. Ademais, finalmente, tras a análise da documentación, para este 18-F non foi proclamada a lista de Izquierda por Almería, que pretendía presentarse pola provincia de Lugo, por non respectar os requisitos legais.

Así, a publicación definitiva no DOG ratificou que, de forma común nas catro circunscricións se presentan na Galiza PP, BNG, PSdeG-PSOE, Sumar Galicia (coalición), Podemos (coalición), Espazo Común Galeguista (coalición), Vox, Pacma, Escanos en Branco e Por un Mundo máis Xusto.

Principais cambios

Con respecto a hai catro anos, unha das novidades é a reorganización do Espazo Común Galeguista, que por exemplo agora aglutina a Compromiso por Galicia.

Sumar Galicia xorde como herdeira do espazo das mareas (en 2020, Galicia en Común-Anova Mareas), aínda que Podemos se presenta por separado en coalición con Alianza Verde e Recortes Cero; mentres que Democracia Ourensana, que en 2020 non concorreu, faino agora.

Ciudadanos e Cidadáns de Galicia desaparecen, do mesmo xeito que UPyD (que hai catro anos só se presentou en Pontevedra). Tampouco se presenta o Partido Comunista dous Traballadores da Galiza, nin o Partido dos Autónomos e Profesionais e o Partido Libertario (que só se rexistrou na Coruña). Así mesmo, tampouco haberá lista en solitario de Equo, de Converxencia 21 (que só se rexistrou en Lugo) nin de Contigo Somos Democracia.

Comentarios