domingo 27/09/20
Política

Galicia en Común-Anova Mareas pide "activar" o control ao Goberno de Feixoo

"É o lóxico e pertinente nun sistema democrático e parlamentar como é o galego", afirmou o candidato da coalición á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino. 
Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Eva Solla (Nós Diario).
Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Eva Solla (Nós Diario).

Galicia en Común-Anova Mareas salienta que "cómpre activar debidamente o control ao Goberno" presidido por Alberto Núñez Feixoo "a través da Deputación Permanente", o organismo lexislativo en activo ao atoparse disolto o Parlamento da Galiza pola convocatoria electoral (agora en suspenso). "É o lóxico e pertinente nun sistema democrático e parlamentar como é o galego", afirmou o candidato da coalición á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino

A coalición valorou esta cuarta feira positivamente a comunicación da Xunta Electoral da Galiza que dá luz verde ao decreto do Goberno galego para a suspensión das eleccións do 5 de abril. "Era unha nova necesaria para que todas as forzas e esforzos políticos se concentren en loitar contra o coronavirus, desde a nosa responsabilidade individual e colectiva, para erradicar a pandemia e saír adiante xuntas e unidas como sociedade", salientan nun comunicado. 

"Desde Galicia en Común-Anova Mareas temos dito estes días claramente que absolutamente todos os recursos das Administracións públicas teñen que estar dirixidos ao combate contra o coronavirus no sanitario e nas súas derivadas pero tamén, e isto é fundamental, contra as súas consecuencias socioeconómicas", asegurou Gómez-Reino.

O tamén líder de Podemos Galicia apuntou que neste contexto "as organizacións políticas e os responsábeis institucionais, como parte da arquitectura social, temos que fomentar e apoiar a unidade na loita contra os efectos do coronavirus, porque isto é o que nos demandan a sociedade e o país". 

Coa decisión da Xunta Electoral e a publicación do decreto a coalición da esquerda rupturista dá por finalizada "formalmente" a carreira electoral e "avala" que se adíe a data "para un momento no que teñamos superada esta crise". Desta maneira, defenden que esa nova data para as eleccións sexa "froito do mesmo consenso entre as forzas políticas galegas que o que derivou na súa suspensión".

Así mesmo, se sitúan "ao dispor da Xunta para axudar, propoñer e arrimar o ombreiro na loita contra a crise do coronavirus". "Neste momento, e nos días que veñen, todos os esforzos teñen que estar concentrados en dar e gañar esta batalla contra a pandemia sen deixar a ninguén atrás", reiterou Gómez-Reino, que se mantén en corentena após dar positivo da COVID-19. 

Ademais, esta cuarta feira reiteraron a súa demanda ao Goberno galego de "reforzar" os equipos humanos e os medios técnicos no eido sanitario para cubrir todo o territorio país, así como que se "garanta e amplifique o escudo social para minorar as consecuencias socioeconómicas que está a deixar" esta crise sanitaria.

comentarios