domingo 12.07.2020
Política

Galicia en Común-Anova pide á Xunta "respostas claras" á "incerteza" da comunidade educativa

Luca Chao considera que após a suspensión das clases "non se pode pretender facer unha avaliación normal e sistemática" do curso actual.
Luca Chao (Común da Esquerda).
Luca Chao (Común da Esquerda).

Galicia en Común-Anova Mareas reclama á Xunta que dea "respostas claras" diante da "incerteza" da comunidade educativa após a suspensión das clases presenciais motivada pola emerxencia sanitaria do coronavirus.

Precisamente, o Grupo Común da Esquerda (que engloba parte das formacións da plataforma Galicia en Común- Anova) rexistrou a pasada sexta feira no Parlamento galego, xunto ao BNG e ao Grupo Mixto, a petición para que compareza na Deputación Permanente a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar.

En palabras da portavoz de Común da Esquerda Luca Chao, no actual momento "de máxima preocupación", un Goberno "responsábel debe dar respostas claras e son moitas as respostas que a comunidade educativa está a demandar".

"Hai incerteza entre as familias, entre o profesorado e entre o alumnado, que non saben que vai pasar cos últimos meses de curso", engadiu. E é que, ao seu modo de ver, no actual contexto "non se pode pretender facer unha avaliación normal e sistemática" do curso 2019/20.

Por outra banda, Chao considera que a conselleira Carmen Pomar "debe aclarar que vai pasar coas opositoras e opositores, que ven con preocupación como pasan os días sen saber que vai ser do seu futuro".

Ademais destas cuestións, a portavoz de Común da Esquerda cre que a titular galega de Educación ten que "aclarar asuntos chave" como a "fenda dixital" entre o alumnado e a "atención á diversidade" na docencia durante a crise sanitaria.

comentarios