'Fronte á involución, un futuro de posibilidades': independentes impulsan un manifesto pedindo o voto para o BNG

Máis de 60 persoas alleas á formación nacionalista procedentes de diferentes ámbitos chaman a concentrar o voto no Bloque nas eleccións estatais como "alicerce dun proxecto de nación que nos faga recuperar a confianza en que outro mundo máis plural, xusto, igualitario e feliz é posíbel".
Noa Presas, Néstor Rego, Ana Pontón, Carme da Silva e Dani Castro, esta terza feira en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Noa Presas, Néstor Rego, Ana Pontón, Carme da Silva e Dani Castro, esta terza feira en Compostela. (Foto: Nós Diario)

Medran os apoios públicos para as candidaturas do BNG de cara á cita coas urnas do vindeiro 23 de xullo. Tras recibir o apoio público de figuras da esfera política como a ex secretaria xeral de Podemos na Galiza, Carmen Santos, ou, de forma non explícita mais si chamando a unificar o "voto nacionalista" representado nas institucións polo Bloque, o fundador de Anova, Xosé Manuel Beiras, agora un grupo de persoas alleo á formación liderada por Ana Pontón vén de impulsar un manifesto que chama a "concentrar o voto" nela como "alicerce dun proxecto de nación que nos faga recuperar a confianza en que outro mundo máis plural, xusto, igualitario e feliz é posíbel".

Detrás desta iniciativa atópanse o historiador Dionísio Pereira, o editor Antón Mascato, a docente e activista feminista Lola Varela e mais o escritor e profesor Henrique del Bosque. O manifesto leva por título 'Fronte á involución, queremos construír un futuro de posibilidades' e pretende mobilizar a cidadanía nun momento no que a democracia, relata, "está a ser ameazada por forzas e procesos encamiñados a lexitimaren novos xeitos de apropiación, desigualdade e sometemento das diversidades".

"Esta foi unha iniciativa totalmente autónoma e espontánea, ninguén do BNG falou connosco. Somos persoas con diferentes maneiras de pensar que algunhas veces votamos o Bloque, e moitas outras, non. Mais agora queremos mollarnos porque estamos nunha situación excepcional", explica Dionísio Pereira a Nós Diario.

As persoas impulsoras do documento, que recibiu xa perto de 60 sinaturas e que está aberto a novas adhesións —a través desta ligazón—, xustifican este paso adiante pedindo concentrar o voto no BNG alegando a "necesidade de contarmos no Congreso cun grupo galego forte" que faga fronte, inciden, a unha "posíbel involución" no Estado español por mor do ascenso da extrema dereita.

E para logralo, así como para "deter o desenvolvemento" de Vox na Galiza, ven preciso "mobilizar este espazo" ideolóxico, de persoas que "non sempre votan polo Bloque" pero que nesta ocasión poderían facelo. Os seus sufraxios, subliña Pereira, son "decisivos" para impulsar unha "votación masiva" que se traduza nun "ascenso notorio" da formación nacionalista.

"Está demostrado, na práctica, que os partidos nacionalistas de esquerda funcionaron nas nacionalidades históricas como dique de contención da extrema dereita. É un feito obxectivo, son quen logran manter o tipo fronte ao avance da extrema dereita", argumenta.

Entre os apoios recibidos até o momento salientan persoeiros de procedentes de diferentes ámbitos como o xornalismo, da man de Gustavo Luca de Tena ou Montse Fajardo; o ensino, como Encarna Otero ou Elvira Souto; a política, como Millán Fernández, ou as artes gráficas e literarias, como o debuxante Pepe Carreiro ou a escritora Luz Darriba.

Comentarios