Carmen Santos, ex líder de Podemos na Galiza, desmárcase de Sumar e apoia o BNG: "É o voto útil"

Santos lamenta "o que está a pasar" entre Sumar e Podemos, "infinitamente peor que a negociación de En Marea" que ela viviu en primeira persoa.
Carmen Santos, nunha comparecencia como líder de Podemos Galicia. (Foto: Europa Press)
photo_camera Carmen Santos, nunha comparecencia como líder de Podemos Galicia. (Foto: Europa Press)

A que fora secretaria xeral de Podemos na Galiza, Carmen Santos, vén de desmarcarse publicamente de Sumar, a formación impulsada pola vicepresidenta Yolanda Díaz, pedindo de forma explícita o voto para o BNG nas próximas eleccións estatais. Xa na cita coas urnas do pasado 28 de maio, en chave municipal, apoiara publicamente o candidato nacionalista á Alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Igrexas.

Nunha mensaxe publicada nas súas redes sociais, Santos lamenta "o que está a pasar" entre Sumar e Podemos, "infinitamente peor que a negociación de En Marea" que ela viviu en primeira persoa. "Non hai unidade real entre quen non existe ningún tipo de lealdade, nin de partido, nin por amizade, a estas alturas. Este é o drama. A convivencia política así é imposíbel e normal o voso desalento e desilusión, porque a nova politica non ía disto", di.

"Hai unha parte de membros das listas para gañar votos —sen votos non hai goberno—, outra para facer o traballo político e outra para consolidar as estructuras de cada organización e que se necesitan para poder existir; en todos os partidos e ten que ser así. Todo o que se vomita sobre os sillóns fóra diso é demagoxia e falsidade", engade.

Se ben asegura que estará sempre agradecida a Podemos, "por ser a ferramenta que me sacou da casa para facer política activa, por propiciar con primarias que fose secretaria xeral e deputada co voso apoio e votos [da militancia]", así como ás persoas que conformaron o espazo das mareas, considera que "o acontecido non ten nome nin arranxo". "Así perxudícase a toda a esquerda, invisibilízase a quen traballou e traballa pola xente, todo o que se conseguiu co Goberno de coalición cos socios que o sustentaron con diferentes acordos e alianzas, como a rebaixa das peaxes da AP-9 gracias ao BNG", prosegue a ex deputada no Parlamento da Galiza.

Sobre a cuestión da plurinacionalidade que abandeirou a formación morada desde os seus inicios, apunta: "Tampouco quero deixar de dicir que estou especialmente farta de seguir lendo que a transformación política estatal e as alianzas de goberno válidas e útiles seguen a ser dende Madrid con Catalunya e Euskadi. Até Pablo Iglesias segue na mesma tese, que inicialmente non manifestaba nin no público, nin nos consellos cidadáns aos que asistía, dentro do marco da plurinacionalidade".

"Só existía a plurinacionalidade galega para esos experimentos defuntos como o da coalición de partidos En Marea ou Galicia en Común, que nunca tiveron voz propia nin votaron diferente á estrutura de poder madrileña. Igual cren que somos máis parvos que vascos, cataláns e madrileños… ou igual saben que somos moito máis listos do que pensaban e por iso case todos os votantes de Podemos orfos e maltratados na Galiza buscaron refuxio no BNG", conclúe.

E, nesta liña, valora o Bloque como o "voto útil" o vindeiro 23-X: "Para que ninguén quedemos atrás e Galiza volva ter poder sobre si mesma. Porque somos igual de importantes e decisivos que madrileños, vascos e cataláns. E porque os galegos e galegas que vivimos na Galiza, por España e polo mundo adiante amamos Galiza e valemos o mesmo que o resto. Simplente queremos o mellor para a nosa terra".

Comentarios