Fracasa a protesta que pedía un pacto PP-PSOE baixo o lema “Santiago non é comunista”

A concentración non chegou a constituírse no Obradoiro ante a falta de participantes. 

Contra-manifestación de Compostela Aberta á protesta de "Santiago non é comunista"
photo_camera Contra-manifestación humorística de Compostela Aberta fronte á protesta de Santiago non é comunista


A concentración para pedir “un pacto de centro PP-PSOE” en Compostela, baixo o lema de “Santiago non é comunista”, non chegou a producirse este sábado. A razón, segundo informa a axencia EFE, foi a falta de participantes, que obrigou aos organizadores a desconvocar a protesta contra a posibilidade de que Compostela Aberta, a lista máis votada, goberne a capital galega. 

O chamamento espallado polas redes sociais pedía concentrarse para evitar que a candidatura encabezada por Martiño Noriega “asalte o noso concello e faga perigar o noso réxime constitucional”.  Varios simpatizantes de Compostela Aberta celebraron unha contra-manifestación “anti-soviets” en chave humorística.

Protestas baixo o mesmo lema contra "o comunismo" estaban convocadas este sábado nas cidades do estado español onde candidaturas de unidade popular desbancaron as maiorías do PP. O fracaso rexistrado en Compostela repetiuse noutras cidades. En Madrid, concentráronse apenas unhas decenas de persoas e algunhas delas agrediron física e verbalmente as e os xornalistas, segundo varios medios da capital do Estado.

Comentarios