28-M

Formoso non se opón a un pacto entre o candidato do PSdeG en Ourense e o PP: "Ten liberdade para decidir"

"A autonomía dos compañeiros na cidade de Ourense é absoluta e vai ser absoluta", asegura o secretario xeral do PSdeG, preguntado pola posibilidade de que o seu candidato, Francisco Rodríguez, apoie o do PP, Manuel Cabezas, para evitar que Gonzalo Pérez Xácome recunce na Alcaldía.
Valentín González Formoso apoiou ao candidato socialista por Ourense, Francisco Rodríguez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Valentín González Formoso apoiou ao candidato socialista por Ourense, Francisco Rodríguez. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, asegurou esta terza feira que o candidato socialista á Alcaldía de Ourense, Francisco Rodríguez, ten "liberdade" para decidir sobre os posíbeis pactos após as municipais do próximo 28 de maio. Así o manifestou ao ser preguntado sobre un posíbel acordo para facilitar a Alcaldía do popular Manuel Cabezas despois dos comicios deste domingo durante unha entrevista na canle dixital Ou Ké!.

Cuestionado a respecto de se a dirección galega deixará liberdade a Rodríguez para tomar decisións que eviten que Gonzalo Pérez Xácome sexa reelixido alcalde, como apoiar unha hipotética investidura de Cabezas, Formoso subliñou que a "autonomía de Paco Rodríguez é absoluta". "A autonomía dos compañeiros na cidade de Ourense é absoluta e vai ser absoluta", reiterou.

O xefe de filas do PSdeG sinalou que esta "liberdade" xa foi total na conformación da candidatura, onde a dirección galega "non interveu para nada". "Houbo outras etapas do Partido Socialista onde interferían na confección das listas, metíanse paracaidistas que non gañaran na asemblea local", dixo Formoso, para logo incidir en que "o respecto é absoluto en cada un dos pobos da Galiza".

"Esta dirección non cometeu ningunha interferencia porque cremos que é apodrecer o debate, entorpecer un proceso que ten que ser natural, que ten que saír de abaixo a arriba e que ten que ser absolutamente democrático", sinalou. Neste senso, apuntou que Francisco Rodríguez "tivo esa liberdade e vaina a ter para tomar decisións, para acertar, para equivocarse e, sobre todo, para pór os intereses da cidade e a coherencia como bandeira por riba de calquera outra cuestión".

González Formoso sostivo que a xente que está "agora no PSOE" fai "política con alma" e avergóñase "se adopta posicións incoherentes sen ter unha xustificación para iso". "Hai cuestións de coherencia social, de enganar á sociedade, que nunca imos cometer. Iso sería enganar á sociedade", apuntou. Dito iso, asegurou que "isto non é así no PP", e lembrou que os 'populares' foron os responsábeis de investir Gonzalo Pérez Xácome como alcalde a pesar de que o PSOE "gañou as eleccións" en 2019. "O espectáculo e o esperpento político en Ourense ten un nome, que se chama [Manuel] Baltar", apuntou.

A postura explicitada por Formoso muda a liña marcada pola anterior dirección do PSdeG. Así, despois das eleccións municipais de 2019, o Comité Nacional do PSdeG aprobou unha resolución que pasaba por facilitar os gobernos de progreso alí onde fose posíbel fronte ás opcións de dereitas. Tamén en materia de acordos poselectorais, os nacionalistas ourensáns manteñen a idea de non facilitar ningún goberno do PP, nin na Deputación nin no Goberno local, así como na vontade de illar Xácome (Democracia Ourensá).

Besteiro pide "pór orde, e fin á desorde"

Precisamente esta mesma terza o delegado do Goberno español na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse até Ourense para apoiar Paco Rodríguez e facer un chamamento á "maioría progresista" para se mobilizar nas urnas co obxectivo de que a vindeira segunda feira "non se teña que lamentar este pesadelo" —en alusión ao actual Goberno de Xácome— e que a cidadanía poida "pasar páxina" após este último mandato.

"A 5 días das eleccións, aquí en Ourense hai partido, polo que hoxe vimos falar de proxectos de partido, de cousas para pór en orde e, sobre todo, para pór fin á desorde que se está vivindo na cidade, e este desprestixio, que eu creo que é evidente que non axuda para nada á cidade, á comarca e á provincia, e eu creo que tampouco á Galiza", sinalou.

Pola súa parte, Rodríguez, logo de transcender hoxe que Alberto Núñez Feixoo coñecía as presuntas irregularidades de Xácome desde 2020 sen facer nada ao respecto, o candidato socialista en Ourense demandou explicacións ao líder do PP por unha cuestión que considera que "ten unha dimensión fóra da provincia".

Comentarios