Formoso insta a pór fin aos “esperpentos” de Xácome

 

Valentín González Formoso acudiu este domingo a Ourense a apoiar a candidatura socialista a Alcaldía. O secretario xeral do PSdeG apostou porque a cidade volva a recuperar o seu orgullo.

Formoso Francisco Rodríguez 01
photo_camera Valentín González Formoso co alcaldábel socialista Francisco Rodríguez na súa visita a Ourense. (Foto: Nós Diario).

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, afirmou na cidade das Burgas que “quedan poucos días para que Ourense decida se quere ser noticia polos esperpentos” de Xácome e do PP ou “polos logros dunha das cidades máis importantes de Galiza” da man do alcaldábel socialista Francisco Rodríguez.

González Formoso apostou por “volver a soñar e recuperar o talento da xente nova e a cidadanía orgullosa da súa identidade” e asociou esta posibilidade a un Goberno local liderado polos socialistas.

Ausencia de compromiso

O líder dos socialistas comprometeu “os investimentos necesarios para que o colectivo das persoas con discapacidade teña amparo público” e denunciou a falla de compromiso con este colectivo por parte dos actuais rexedores da cidade.

O dirixente socialista asegurou que unha mudanza de política con estes sectores virá da man da súa formación “como ocorre en cada unha das 113 vilas e cidades onde hai un alcalde ou alcaldesa socialista”.

O responsábel do PSdeG denunciou a “insensibilidade” do Goberno galego coas persoas con discapacidade e puxo como exemplo disto o estado de conservación do centro Aspanas na cidade.

‘Instalacións indignas”

González Formoso criticou a desatención do Goberno galego que provoca que as “persoas con dificultades teñan que afrontar vivir día a día nunhas instalacións indignas”, impropias dunha Galiza “inmersa no proxecto europeo”.

O secretario dos socialistas instou a Xunta a empregar as axudas europeas para “destinar de forma inmediata fondos a rehabilitar este espazo”. Nesta liña, esixiu que que a discapacidade “teña atención urxente por parte do Goberno galego”

A visita do dirixente do PSdeG a Ourense enmárcase na campaña electoral de cara os comicios locais de 28 de maio, onde o os socialistas pelexan por converterse na forza máis votada en disputa cos populares.

Comentarios