Formoso insta a Rueda a sumarse ao "pacto enerxético" do PSdeG

Formoso participou na mañá desta terza feira na inauguración dun centro de coworking centrado en enerxías renovábeis e hidróxeno verde, situado no concello das Pontes.
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, instou ao novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a "sumarse ao pacto estratéxico en materia enerxética asinado polos socialistas" con varias entidades integradas por empresas do sector.

Formoso participou na mañá desta terza feira na inauguración dun centro de coworking centrado en enerxías renovábeis e hidróxeno verde, situado no concello das Pontes.

O secretario xeral dos socialistas galegos lembrou que o PSdeG xa trasladara esta proposta ao predecesor de Rueda, Alberto Núñez Feixoo, e destacou que se trata dunha das "ofertas claras" que a súa formación propón ao Goberno galego para chegar a acordos.

Neste sentido, asegurou que "o potencial da Galiza ten que despuntar no ámbito enerxético, que ten que ser un dos eixos claros dun Goberno nun momento no que a enerxía se está mostrando como un elemento estratéxico crucial para o país".

Centro financiado pola Deputación

A Deputación da Coruña será a encargada de achegar os recursos económicos, humanos e materiais para desenvolver as iniciativas emprendedoras deste centro. 

Á súa inauguración, na sede da entidade empresarial SEARA, acudiron, ademais do propio González Formoso, varias das súas empresas asociadas, asociacións empresariais e parte dos emprendedores deste centro.

"Facíanos falta un coworking especializado no sector enerxético, que é o que nos ten que distinguir como territorio de oportunidades", destacou Formoso, que puxo en valor a presenza de "dez empresas que xa están a comezar a traballar".

Segundo indicou, trátase de entidades que "teñen sinerxias entre todas elas, desde a xeración enerxética con hidróxeno ata a enerxía eólica, o mantemento das instalacións industriais, empresas de prevención de riscos laborais especializadas no ámbito enerxético, de servizos auxiliares en montaxe e desmonte do ámbito enerxético", detallou.

Comentarios